Realizaronse este mércores no IES Pintor Colmeiro e na xornada do venres tocaralle o turno ao alumnado de Secundaria do CPR María Inmaculada
Laura Moure/Silleda
A concelleira de Cultura, Mocidade e Participación Cidadá de Silleda, Mónica González, visitou este mércores ao alumnado do IES Pintor Colmeiro co obxectivo de que todos os cursos responderan a unha enquisa sobre gustos e intereses en relación a actividades e eventos culturais que se realizan en Silleda. O obxectivo é coñecer a través desta enquisa online, e totalmente anónima, as necesidades e preferencias da mocidade á hora de consumir cultura, ou tempo de ocio entre outros. Así e baixo o lema A Mocidade Opina, búscase programar de maneira máis efectiva as actividades culturais, deportivas ou cursos de formación, entre outros, dirixidas á xuventude do municipio, adaptando mellor as propostas aos seus intereses.
“Buscamos coñecer a opinión da poboación máis nova, facer que participen e nos fagan tamén suxerencias”, indica Mónica González, que agradeceu a colaboración de toda a comunidade do IES Pintor Colmeiro. Así mesmo, tamén se explicou a varias das aulas a proposta dun Plan Municipal de Voluntariado que se está a valorar dende o Concello.
Publicidade
Así analizouse a participación activa da mocidade neste programa que pretende implementarse nos próximos meses e no que se inclúe realizar tarefas en diferentes ámbitos (medio ambiente, actividades culturais, deportivas, de caracter socio sanitario etc.).
Publicidade
Este venres 22 a cita será cos alumnos e alumnas da ESO e bacharelato do CPR María Inmaculada, seguindo a mesma dinámica de cubrir a enquisa para mellorar a oferta cultural e explicar o voluntariado municipal, ademais de responder calquera outra pregunta ou tratar calquer outro tema de interese. Así mesmo, calquera persoa entre os 12 e 29 anos poderá acceder á enquisa para responder as preguntas, posto que está subida publicamente á web do concello (no apartado Educación e Mocidade).
Comments