Silleda acometerá novas melloras en vías de Sestelo, O Castro, Moalde, Laro e Chapa gracias a Deputación
- Laura Moure

- 3 oct 2025
- 3 Min. de lectura
As obras contan cun orzamento base de licitación de preto de 100.000 euros e permitirán actuar en distintos tramos deteriorados de titularidade municipal
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda e a Deputación de Pontevedra veñen de anunciar un novo paquete de actuacións para mellorar a rede viaria municipal nos núcleos rurais de Chapa e Sestelo (parroquia de Escuadro), Eirexe (en Moalde), Penanegra (en O Castro) e Forcas (na parroquia de Laro). Trátase de tramos moi deteriorados, nos que se actuará con cargo á Liña 1 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra deste ano cun orzamento base de licitación de case 100.000 euros.

Estes recursos obtivéronse grazas á colaboración entre o Concello e a Xunta de Galicia para a cofinanciación da Avenida do Parque, unha actuación que permite liberar 104.000 euros do Plan Máis Provincia da Deputación para acometer agora estas novas melloras no rural, así como para financiar o proxecto técnico e a dirección de obra. A deputada provincial de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, visitou onte o municipio onde percorreu
xunto ca alcaldesa, Paula Fernández, e outros membros da Corporación todos os tramos que se van arranxar.
A rexedora sinala que “a xestión ordenada dos recursos municipais nos permite planificar e executar investimentos con eficiencia e criterio”. Actualmente, o Concello está a tramitar todas as autorizacións sectoriais necesarias para poder iniciar a licitación das obras canto antes. Este paso previo resulta imprescindible para garantir que as actuacións cumpran cos requisitos técnicos e legais esixidos polas distintas administracións competentes
As intervencións previstas inclúen, de xeito xeral, a mellora da capa de rodadura mediante a aplicación dunha mestura bituminosa en quente de 5 a 6 centímetros, tras un barrido superficial e rego de adherencia. Así mesmo, fresaranse os entronques con outras vías para garantir o correcto encaixe das novas capas.
PUBLICIDADE

En Chapa acondicionaranse o arranque da pista no acceso á igrexa, na zona que conecta coa N-525, nun tramo con importantes escorrentías de auga que afectan ás vivendas próximas. A actuación resolverá o problema coa instalación dun drenaxe central e unha embocadura ampliada na propia estrada nacional.
En Sestelo na parroquia de Escuadro completarase o acondicionamento do acceso a varias explotacións e vivendas, para completar el asfaltado dunha zona de ampliación do propio vial que fora cedida por los propios veciños.
Na parroquia de Moalde acometerase a mellora de varios tramos, que dan acceso á igrexa, un tramo que quedara sen reparar en anteriores intervencións e que agora se completará para mellorar a circulación.
En Penanegra, na parroquia de O Castro, actuarase sobre un tramo de 222 metros que serve de acceso a varias vivendas unifamiliares.
Finalmente, en Forcas, na parroquia de Laro, executarase un novo firme de formigón armado nun tramo de 160 metros, entre vivendas do núcleo, debido á estreiteza do vial. O firme actual atópase moi deteriorado e será substituído por un novo pavimento de formigón HF-3.5 cun espesor de 15 centímetros.
PUBLICIDADE
As actuacións tamén inclúen a limpeza e execución de obras de drenaxe longitudinal, cunetas transitables revestidas de formigón e, en zonas puntuais, colocación de tubos de PVC de 400 e 315 mm para garantir o correcto desaugue en treitos con presenza de augas superficiais.
Estas intervencións forman parte da aposta do goberno municipal por mellorar a seguridade e accesibilidade viaria nos núcleos rurais do municipio, atendendo ás necesidades dos veciños e veciñas de Silleda, e que ven a complementar nesta anualidade as obras que se están a levar a cabo noutras parroquias.







Comentarios