top of page

Silleda acolle por segunda vez ás vilas irmáns de Canéjan e Poggio Mirteto

O grupo, formado por 16 persoas de Canéjan (Francia) e 11 de Poggio Mirteto (Italia), visitará dende o próximo xoves 24 e ata o 31 diferentes lugares patrimoniais e desfrutará da gastronomía silledense


Laura Moure/Silleda

Silleda acollerá do 24 de agosto ao 31 a 16 persoas de Canéjan (Francia) e 11 de Poggio Mirteto (Italia), dous pobos cos que o municipio silledense está irmandado dende hai varios anos. O programa deseñado polo Comité de Xestión de Proxectos Europeos de Silleda (Coxesi) en colaboración co Concello e distintas asociacións do municipio comezará o xoves 24, coa chegada dos participantes e a súa recepción no Centro Social de Cortegada, para posteriormente aloxarse nas casas das familias acolledoras.


A programación de actividades deste intercambio cultural baséase en dar a coñecer o patrimonio histórico e natural e a gastronomía de Silleda. Tamén se farán roteiros tendo o medioambiente e o rural como protagonistas.

O venres 25 realizarase unha excursión a Ourense para visitar a súa Catedral, o Casco Histórico e por suposto, As Burgas. Ás 20:00 horas, na Praza Siñor Afranio de Silleda, terá lugar o concerto que ofrece a Banda de Música Municipal de Silleda, aberto e de balde a calquera que queira asistir.


O sábado 26 será o día en familia. Tanto o grupo do intercambio como as familias acolledoras visitarán o Museo do Campo e a Mecanización. O xantar farase na Carballeira de Siador e pola tarde, o grupo Xirandola impartirá un obradoiro de música tradicional neste espazo natural.


Na xornada do domingo 27, o grupo fará un percorrido por Silleda para coñecer a Fervenza do Toxa e o conxunto Histórico-Relixioso de Abades (no que se inclúe a igrexa románica de Santa María e o Santuario da Virxe dos Desamparados). O xantar dese día será en Ansemil-Martixe, onde se degustarán callos e panceta, cociñados pola Asociación Veciñal de Ansemil-Martixe e pola Asociación Cultural O Cruceiro de Breixa visitando pola tarde o mosteiro de Carboeiro.


O luns 28 haberá unha ruta pola comarca do Deza para visitar o Pazo de Liñares, o Muiño Cuiña, o Pazo Anzuxao e Castro Deza.


Na xornada do martes 29 realizarase unha saída a Santiago de Compostela, onde o grupo de intercambio terá o día libre nesta cidade.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Por último, o mércores 30 visitaranse os murais do programa Mulleres de Extramuros en Cortegada e as instalación de Trasdeza Natur. Pola noite terá lugar a cea de despedida, tendo como protagonista a paella, o prato estrela de Cortegada.


Está previsto que nos actos participen membros das asociacións e colectivos que integran o Comité de Irmandamento. O Concello agradece a colaboración de Coxesi, AVECUCO, Xirandola, Banda de Música Municipal de Silleda, Asociación Veciñal de Ansemil-Martixe, Asociación Sociocultural de Cortegada, Asociación Feiral da Semana Verde e ao Museo do Campo e a Mecanización, Asociación O Cruceiro de Breixa, o grupo de Acordeóns da Escola de Música, pandereteiras As Ferreñas de Cortegada e a charanga Os Empanaos, así como ás familias que acollen aos participantes no programa.


Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page