top of page

Silleda acolle a sede do Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego de Pontevedra Norte e Rías Baixas

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Dará cobertura a 25 concellos da contorna


Laura Moure/Silleda

Silleda acollerá a sede do Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego de Pontevedra Norte e Rías Baixas que este venres inaugurou a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana e que dará cobertura a 25 concellos da contorna. Prestará atención ás comarcas do Deza, Caldas e O Salnés, e ás localidades da Estrada e Barro.


O polo dará todo o apoio preciso ás persoas emprendedoras, independentemente da fase de maduración no que se atope o proxecto empresarial, polo que a iniciativa acompañará desde o inicio e durante todas as etapas a aquelas persoas que desexen comezar a súa andadura empresarial. Nos polos, en palabras da conselleira, atoparán un asesoramento personalizado e permanente para cada proxecto, en base ás particularidades do tipo de emprendemento e do territorio onde se enmarca e axuda para captar investimento e financiamento.

Así mesmo, os técnicos dos polos ofrecerán información sobre as mellores oportunidades para emprender na contorna e porá a súa disposición recursos físicos, como as instalacións da Fundación Roberto Rivas, para entrar en contacto con técnicos e profesionais experimentados de primeiro nivel, así como con outros emprendedores e emprendedoras da zona. Precisamente, esta fundación xestionará o polo de Pontevedra Norte e Rías Baixas que, segundo indicou Lorenzana, comparte a meta da Xunta de promover o desenvolvemento social e económico no rural a través da fórmula do emprendemento. “Os seus 11 anos de traxectoria avalan a súa gran experiencia”, apuntou.


O polo de Silleda é o segundo que se pon en funcionamento tras o de Verín, os dous primeiros dos cinco que a Administración galega ten previsto estrear este mesmo ano cunha inversión de 12 millóns de euros. Sumaranse así antes de que remate 2022 os de Coristanco, Monforte de Lemos e Ferrolterra. Lorenzana destacou esta iniciativa, porque vai permitir “casar a xestión da procura do emprego coa realidade social e xeográfica de Galicia”. A través da súa distribución por comarcas poderase “dinamizar o mercado de traballo procurando a interactuación entre os ámbitos rurais e urbanos”, recalcou.

Preme na imaxe se quere contactar connosco.

Remarcou que cos polos “estamos a falar dunha realidade que está vencellada con fixar poboación e dotar de novas oportunidades á contorna da que formen parte”, subliñou.

“A Xunta está a tecer unha rede coordinada e unificada que integrará todos os instrumentos que existen actualmente para apoiar ás iniciativas emprendedoras lideradas polas galegas e galegos”, sinalou.


Xempre

Os polos encádranse na nova Estratexia de emprego de Galicia, Xempre, coa que se pretende conseguir un mercado laboral galego máis interconectado, formado e accesible. A través desta planificación, a conselleira explicou que a Xunta está a desenvolver a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego que engloba as mesas de traballo sectoriais para a detección de necesidades formativas, en colaboración cos principais axentes sociais e interlocutores de diversa índole; a optimización progresiva das accións formativas para o emprego que ofrece directamente a Administración autonómica ou financiadas en colaboración con entidades e empresas de formación, entre outras; e a renovación integral do Servizo de Emprego de Galicia. “Só se multiplicamos esforzos mediante a cooperación entre Administración pública e tecido asociativo, conseguiremos a mellor versión da Galicia que todos queremos”, resaltou.

Sobre a reforma do Servizo de Emprego de Galicia, Lorenzana salientou que se implantará unha nova ferramenta tecnolóxica para casar oferta con demanda laboral e coa que colaborarán empresas referentes en Galicia; ao tempo, se crearán 136 novos postos de traballo para dotar de recursos humanos ao corpo de orientadores laborais.

Para rematar, a titular de Promoción do Emprego e Igualdade referiuse aos Plans Emprega específicos para os colectivos que máis dificultades atopan para acceder ou manterse no mercado de traballo como son as mulleres, a mocidade e as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. Estes plans contan este ano cun orzamento que se aproxima aos 130 millóns de euros.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page