Silleda acolle a rodaxe da película 'O pesadelo das vacas'
- Laura Moure

- 28 sept 2025
- 3 Min. de lectura
Este luns rodarán en exteriores no entorno da Bandeira e Chapa e durante varias xornadas, xa en outubro, o equipo desprazarase á parroquia de Negreiros
Laura Moure/Silleda
O municipio de Silleda convértese estes días en escenario da película O pesadelo das vacas, que continúa a súa rodaxe en distintas localizacións da zona. Tras gravar varias escenas nas instalacións de Frigoríficos de Bandeira, o equipo de Matriuska Produccións ten previsto iniciar mañá, luns, novas filmacións en exteriores. A primeira das xornadas desenvolverase na estrada que une a N-525, á altura da Calzada (na vila da Bandeira), con Medelo.

Dende primeira hora da mañá o tráfico nesta vía sufrirá restricións, das que xa foron informados os veciños e veciñas. A Policía Local de Silleda colaborará nos labores de control e seguridade viaria para facilitar os traballos de rodaxe. Ademais, o calendario de gravación inclúe distintas datas na parroquia de Negreiros, concretamente nos lugares de O Campo e Riocalvo, no entorno de Desgüaces Rolan, así como no Auditorio Municipal Manuel Dopazo da Bandeira. O Concello de Silleda colabora coa rodaxe desta película para a que tamén se utilizarán outros espazos municipiais como o centro social de Negreiros.
O Concello de Silleda e o equipo da película agradecen a colaboración da veciñanza e das persoas usuarias dos espazos municipais, así como a comprensión polas posibles molestias que poidan derivar das restricións de tráfico ou do uso das instalacións durante as datas indicadas
PUBLICIDADE
Silleda, un referente para o audiovisual
Dende o ano 2022, Silleda conta cunha ordenanza municipal de rodaxes, unha ferramenta pioneira que regula e facilita a actividade audiovisual no municipio. Esta normativa foi impulsada no marco dunhas xornadas sobre a reactivación do sector audiovisual nas que participou a Spain Film Comisión, entidade que lidera o posicionamento de España como destino de rodaxes, ca organización da Deputación de Pontevedra.
A ordenanza, adaptada ás características de Silleda, establece un procedemento para outorgar permisos de rodaxe, regular a ocupación de espazos públicos e garantir medidas de seguridade, seguros por posibles desperfectos, estacionamentos e protección do mobiliario urbano. Ademais, unifica as solicitudes mediante un modelo único no que as produtoras deben especificar todas as súas necesidades, facilitando así a colaboración co Concello.
Esta iniciativa responde ao crecente interese do sector audiovisual polo municipio, onde é habitual recibir peticións para gravacións de spots, videoclips, documentais ou series, especialmente en espazos singulares como o mosteiro de Carboeiro ou a Fervenza do Toxa.
PUBLICIDADE
O pesadelo das vacas, dirixida por Rafa de Los Arcos, narra a historia de Celia (María Vázquez), unha muller que regresa á súa vila natal para enfrontarse á sombra do seu pai, un home querido e rexeitado a partes iguais, autor dun crime que marcou a familia e a comunidade. O filme explora temas como a masculinidade tóxica, a violencia de xénero, as feridas familiares e a identidade galega, cunha posta en escena que busca captar a intensidade emocional da protagonista a través de planos curtos, interiores opresivos e a forza da paisaxe do interior de Pontevedra.
A rodaxe, que se prolongará ata finais de outubro, inclúe localizacións en Silleda, Lalín, Rodeiro poñendo en valor o patrimonio natural e cultural da comarca de Deza e xerando un impacto económico directo en hostalaría, transporte e servizos locais.








Comentarios