Os recintos de Silleda e da Bandeira acollerán cursos pola mañá dende o vindeiro luns
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda abrirá ao público as instalacións das piscinas municipais ao aire libre de Silleda e da Bandeira este xoves, día 1. Os dous recintos estarán abertos ao público en xeral de 14:30 a 21:00 horas durante a semana e as fin de semana e xornadas festivas de 15:00 a 21:00 horas.
Durante a mañá as instalacións acollerán cursos de natación, -que o pasado ano se suspenderon pola pandemia- en horario de 12:00 a 14:15, con tres turnos nesta franxa horaria. Como principal novidade, ademais dos cursos de iniciación e perfeccionamento para nenos e nenas, este ano introdúcese un específico para persoas adultas, con natación e ximnasia de mantemento na auga.
Así, os cursos infantís serán os luns, mércores e vernes, e para as persoas adultas resérvanse as xornadas de martes e xoves. Deste xeito tamén se ofrece unha alternativa para a práctica deportiva acuática ao público en xeral, tendo en conta que no último ano non se celebraron moitas das actividades deportivas habituais.
A inscrición nos cursos, que comezarán o vindeiro luns día 5, farase como en anos anteriores nas propias piscinas co personal de socorrismo. O custe destes cursos (con tarifas moi vantaxosas para as persoas abonadas) debe abonarse tamén nas piscinas. A entrada unitaria custa 1 euro (gratis para menores de tres anos) e os bonos para toda a tempada poden adquirise no Rexistro Municipal (na pranta baixa do Concello).
Cursos a partir de 5 anos e melloras nas dúas instalacións
No caso dos cursos infantís, os nenos e nenas participantes deberán ter como mínimo cinco anos. Esta limitación de idade vén dada pola situación sociosanitaria, xa que no caso dos menores de menos idade se precisaría nalgúns casos o acompañamento dentro da piscina.
Tamén se volven abrir ao público os vestiarios e aseos, remodelados por completo no caso do recinto de Silleda, logo do investimento realizado o pasado ano, con máis de de 67.000 euros a través do Fondo de Compensación Ambiental e fondos municipais.
Ademais desta destacable mellora, que se estrenará neste verán e que servirá para dar servizo tamén ao recinto deportivo de Outeiriño durante o resto do ano, nas últimas semanas leváronse a cabo distintas melloras nos dous recintos municipais. Así, ademais de pintar os frentes das distintas instalacións, tamén se vén de renovar por completo a cartelería fixa (coa normativa xeral de uso das piscinas) e a identificativa das distintas dependencias.
Así mesmo, e igual que o pasado ano, colocaranse carteis informativos ca normativa Covid específica (distancia interpersoal, uso de máscara agás durante o baño e ducha, desinfección de mans….)
Aforo limitado
Tal e como recolle a normativa autonómica en materia de piscinas, coa aplicación do protocolo establecido, haberá aforo limitado nos dous recintos, así coma nos vestiarios.
No caso da piscina de Silleda o aforo máximo é de 100 persoas (o pasado ano xa se pechou en dúas ocasións durante a tarde ao cubrirse o total de prazas), e na da Bandeira o aforo é de 90 persoas. Nos vestiarios, cunha ocupación máxima do 30% segundo a normativa vixente, só poderá haber tres persoas á vez.
Comments