Silleda aborda con Cogami a posibilidade de asinar un convenio de prácticas non laborais
- Laura Moure

- 20 jun 2024
- 2 min de lectura
Ademais aposta por crear unha biblioteca pública inclusiva
Laura Moure/Silleda
O goberno municipal de Silleda mantivo un novo encontro cos responsables do CDR Cogami-Medelo para planificar medidas locais que permitan a inclusión plena das persoas con discapacidade no municipio. Nesta xuntanza participaron a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, a concelleira de Benestar, Ángela Troitiño, o director do centro, Iván García e a educadora Lidia Corral.

Durante a xuntanza abordáronse distintas cuestións, como a adquisición de libros en braille para a biblioteca pública municipal Daniel Castelao, aumentando así a oferta literaria, facéndoa máis inclusiva e mellorando tamén o servizo de préstamo. Así mesmo, dende o centro tamén se plantexou a posibilidade de asinar co Concello un convenio de prácticas non laborais destinado a persoas con discapacidade que lles permita achegarse ao mundo laboral e realizar tarefas nalgún departamento municipal.
Outra medida é continuar ca mellora da accesibilidade nas rúas das vilas, seguindo actuacións como a da rúa Cartaxena, con plataforma única, a rúa da Chousa Nova, rúa Progreso, o entorno do campo da Gandareira ou as obras que se están a facer na praza da Bandeira e a súas rúas da contorna.
Publicidade
Dende o goberno, tamén se están a adaptar entradas a edificios públicos con rampas e continuarase co rebaixe de beirarrúas nalgúns puntos.O estacionamento para persoas con mobilidade reducida, foi outro dos puntos a tratar neste senso.
Análise sobre o proxecto HAVI
Por outra banda, dende o CDR Medelo-Cogami tamén se plantexou ao Concello a posibilidade de participar no proxecto HAVI (Hacia unha vida independiente), polo que dende o goberno municipal se analizarán as posibilidades de contar cun recurso habitacional para persoas con discapacidade do municipio, valorando a posibilidade de participar no citado proxecto coa creación dun espazo apropiado.
Publicidade
No ámbito formativo, tamén se acordou realizar conxuntamente entre ambas entidades unha charla informativa sobre a nova Lei de Apoios 2024 (Lei 8/2021). A idea é que asistan tanto persoas con discapacidade coma as súas familias.
Por último, tamén se abordaron cuestións como a implementación nas actividades extraescolares para que sexan máis sensibilizadoras, inclusivas e que estean realizadas por persoal formado en materia de discapacidade. Dende o departamento de Benestar xa se está valorando incluílas no campamento de verán do Servizo Lúdico Educativo.
Publicidade
A alcaldesa, Paula Fernández, agradeceu as aportacións e a colaboración do Centro de Recursos de Medelo e numerosas actividades municipais, destacando a labor que realiza o centro na integración e ocupación das persoas con dispacidade.









Comentarios