O Concello vén de remitir ao INE a súa proposta, dentro do prazo de reclamación aberto ata o vindeiro día 11
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda tería, sempre segundo os datos cotexados polo padrón municipal, un total de 8.998 habitantes a data 1 de xaneiro de 2022, a tan só dous de acadar os nove mil. O Concello de Silleda vén de remitir esta proposta ao Instituto Nacional de Estatística (INE), que abriu o prazo para que as entidades locais podan rebatir a súa proposta ata o vindeiro día 11.
Segundo o INE, a cifra a 1 de xaneiro sería de 8.852 habitantes a 1 de xaneiro de 2022, sete máis que no ano anterior, cando a cifra se situou en 8.845. Agora, unha vez remitida a proposta do Concello de Silleda, cruzaranse datos para facer as revisións correspondentes, centrándose sobre todo en persoas extranxeiras que deben renovar ou confirmar o lugar de residencia cada certo tempo.

“Á espera de que esa depuración de datos se realice, o certo é que seguimos ca tendencia dos últimos anos, manténdonos e o que é máis importante sen perder poboación”, indica o alcalde, Manuel Cuiña. Nas cifras de 2021 rexistrouse unha suba de 65 habitantes respecto á cifra comunicada a principios de xaneiro de 2020 (8.780 persoas
empadroadas). Daquela, o aumento tamén se constara respecto á anualidade de 2019, cando o INE comunicou un padrón de 8.687 habitantes.
Cuiña lembra a campaña de fomento do empadroamento que se iniciou en 2016 e que deu bos resultados. “Por primeira vez en 2017, un ano despois de poñer ter posto en marcha esta iniciativa, logramos un crecemento significativo no padrón”, engade o alcalde. Esa campaña estaba especialmente enfocada as persoas que aínda residindo en Silleda non figuraban no padrón municipal , de ahí o título da campaña : “Empadróate en Silleda, porque en Silleda somos máis”.
“Estaba dirixida sobre todo a concienciar e informar sobre a importancia de estar censado no lugar onde se reside habitualmente”, explica Cuiña, lembrando que ao inicio da campaña se estimaba que en Silleda había preto de 900 persoas residían no municipio sen estar empadroados nel.
Commentaires