top of page

Servizos Sociais de Rodeiro lanza unha campaña para que ninguén do municipio se quede sen agasallos

Esta iniciativa solidaria vai dirixida aos cativos en sistuación de vulnerabilidade e as persoas maiores que se atopan soas


Laura Moure/Rodeiro

O departamento de Servizos Sociais do Concello de Rodeiro pon en marcha este Nadal a iniciativa titulada Abeto Máxico a través da cal "queremos que as crianzas do concello en situación de vulnerabilidade e as persoas maiores que se atopen soas poidan contar con un pequeno agasallo de Nadal. Para isto precisamos contar coa solidariedade da nosa veciñanza, asociacións, etc".

No caso das crianzas a finalidade é que o neno ou a nena, de entre 0 e 17 anos e residente no municipio, poida recibir un agasallo que el ou ela desexe. Cada menor que participe na campaña, a través da súa familia escribirá unha carta na que poderá pedir tres agasallos, cun valor máximo de 30 euros, dos cales recibirá un.


No caso de persoas maiores tamén recibirán un agasallo que se levará persoalmente por parte das técnicas de servizos sociais ao seu domicilio.


Como veciño ou veciña como podo participar na campaña?

Poñéndose en contacto coa traballadora social ou a educadora do concello e indicando que quere participar na campaña. Explicaráselle o procedemento, se quere que o agasallo sexa para unha crianza ou para unha persoa maior e como proceder. En todo momento gardarase o anonimato e confidencialidade tanto das persoas que recibirán os agasallos coma da veciñanza que desexe sumarse á iniciativa. Ningunha das partes saberá para quen ou de quen recibe o agasallo.

"Esperamos contar cunha alta participación e que o noso abeto, esa árbore na que se deixan os agasallos na noite de Nadal ou dos Reis Magos, realmente se volva máxica e poidamos repartir un pouquiño de ilusión entre as persoas que máis a precisan do noso concello". Os interesados poden obter máis información a través dos correos traballadorsocial@rodeiro.gal e educadora@rodeiro.gal ou a través do teléfono 986 790 185 (Natalia, Ana).

0 comentarios

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page