Servizos Sociais de Rodeiro lanza de novo este Nadal a campaña solidaria 'Abeto Máxico'
- Laura Moure
- 30 nov 2023
- 2 Min. de lectura
O obxectivo é que as crianzas do concello en situación de vulnerabilidade e as persoas maiores que se atopen soas poidan contar con un pequeno agasallo estas datas
Laura Moure/Rodeiro
O departamento de Servizos Sociais do Concello de Rodeiro pon en marcha de novo este Nadal a iniciativa titulada Abeto Máxico a través da cal "queremos que as crianzas do concello en situación de vulnerabilidade e as persoas maiores que se atopen soas poidan contar con un pequeno agasallo de Nadal. Para isto precisamos contar coa solidariedade da nosa veciñanza, asociacións, etc.", sinalan.

No caso das crianzas a finalidade é que o neno ou a nena, de entre 0 e 17 anos e residente no Concello, poida recibir un agasallo que el ou ela desexe. Cada menor que participe na campaña, a través da súa familia, escribirá unha carta na que poderá pedir tres agasallos, con un valor máximo de 30 euros, dos cales recibirá un.
No caso de persoas maiores tamén recibirán un agasallo que se levará persoalmente por parte das técnicas de servizos sociais ao seu domicilio.
Publicidade
Como veciño ou veciña como podo participar na campaña?
Poñéndose en contacto coa traballadora social ou a educadora do concello e indicando que se quere participar na campaña. Explicaráselle o procedemento, se quere que o agasallo sexa para unha crianza ou para unha persoa maior e como proceder. É necesario
inscribirse para participar e o prazo para anotarse está aberto ata o 13 de decembro.
En todo momento gardarase o anonimato e confidencialidade tanto das persoas que recibirán os agasallos coma da veciñanza que desexe sumarse á iniciativa. Ningunha das partes saberá para quen ou de quen recibe o agasallo.
Publicidade
"Esperamos contar con unha alta participación e que o noso abeto, esa árbore na que se deixan os agasallos na noite de Nadal ou dos Reis Magos, realmente se volva máxica e poidamos repartir un pouquiño de ilusión entre as persoas que máis a precisan do noso concello", sinala este departamento.
Os interesados poden contactar a través dos correos traballadorsocial@rodeiro.gal ou educadora@rodeiro.gal ou do teléfono: 986 790 185 (Natalia, Ana).
コメント