top of page
Foto del escritorLaura Moure

Sen autobús para ir desde Agolada a Santiago a facer unha mamografía

O autocar previsto para acudir a facer esta proba, dentro do programa da Consellería de Sanidade para detección precoz de cancro de mama, non chegou a vir


Laura Moure/Agolada

Este venres un grupo de mulleres do municipio de Agolada foi citado para acudir á unidade de detección precoz de cancro de mama, situada no Hospital Gil Casares de Santiago de Compostela. Este programa lévao a cabo a Consellería de Sanidade para loitar contra esta enfermidade e sempre lles facilitan un servizo gratuíto de autobús para desprazarse, pero desta volta, o autocar, como estaba previsto, non chegou.


Como de costume, había establecidas dúas quendas. As mulleres da primeira tiveron que presentarse ás 7:30 horas na Praza do Concello, como se lles informaba nas cartas que recibiron: “O Programa Galego de Detención Precoz do Cancro de Mama pon a súa disposición un medio de transporte de balde para facilitarlle o acceso desde o concello de Agolada ata a Unidade de Exploración Mamográfica situada no Hospital Gil Casares e tamén a viaxe de volta ao concello”. Aí as recollería o autobús, sendo o lugar habitual de partida para ir a realizar esta proba. Pero este non chegou. Cando abriu o Consistorio, unha hora despois, desde o Concello puxéronse en contacto a través de diversos teléfonos, porque o que aparecía na carta, o horario de atención empeza ás nove da mañá, e por iso elas tampouco conseguiran falar con ninguén a esa hora.


Despois de intentalo varias veces, unha traballadora do Concello logrou contactar co responsable do servizo, pasadas ás 9:00 horas, e sen dar máis explicacións, comunicou que o autobús non podía vir. E tampouco o da segunda quenda, prevista para ás 11:45

horas. Ademais, trasladoulle ao Concello que quen quixera podía asistir pola súa conta este venres, a pesar de que a hora de citación xa pasara, ou senón que as volverían a chamar para outro día.


Produciuse un gran malestar entre as mulleres por estar agardando dúas horas, sen ter aviso das persoas responsables do servizo, e tamén porque algunhas non puideron ir a traballar. Tamén varias da segunda quenda presentáronse a súa hora (11:45 horas) porque aseguraron que a elas ninguén as avisou tampouco. A traballadora social do Concello redactou unha reclamación colectiva e este venres xa asinaron 13 afectadas, pero aínda poden asinar no Consistorio os vindeiros días.

Moitas das afectadas asinaron unha reclamación colectiva.


0 comentarios

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page