Seis profesionais de referencia en adestramento, readaptación e tecnoloxía deportiva cítanse en Lalín
- Laura Moure

- 1 may
- 2 min de lectura
A xornada será o 16 de maio e están abertas as inscricións
Laura Moure/Lalín
MyTrainingsPal organiza un encontro de profesionais para abordar como adestrar en 2026 combinando metodoloxía, neurociencia e tecnoloxía. A xornada terá lugar o sábado 16 de maio de 9:00 a 15:15 horas en Lalín (Edif. Sociocultural Manuel Rivero) e finalizará cun networking con cocido.

Seis profesionais de referencia en adestramento, readaptación e tecnoloxía deportiva serán os encargados da formación. Para abrir a xornada, Alberto Mouriño, PhD, falará de como integrar estímulos cognitivos dentro do adestramento de forza. A seguinte charla será ‘Non é o core. É o cerebro: a respiración como modulador do movemento’, da man de Alejandro Molinero, especialista en respiración e regulación do sistema nervioso aplicada ao rendemento e ao movemento. Andrea Alexanco, de VALD, empresa patrocinadora do evento, mostrará como integrar o uso de plataformas de forza, dinamometría e tecnoloxías de seguimento nun centro de adestramento.
PUBLICIDADE
Seguidamente, Daniel Gama, fundador de Homo Plasticus e especialista en movemento e dor, ofrecerá a charla ‘Decidir baixo dor: integrar para progresar’. A través da súa intervención busca ofrecer unha visión de que o problema da dor non é o síntoma, senón como decidir que facer con el. O fisioterapeuta especializado en readaptación de lesións de ligamento cruzado anterior Nacho Vázquez, explicará a absorción de cargas e CMJ como criterio no Return to Running en LCA. Logo, o especialista en avaliación da calidade do movemento e retorno ao deporte, Jaime Asensio, mostrará o control e avaliación do movemento no Return to Play, a través dunha observación de patróns de desprazamento, integración de datos cinemáticos e cinéticos, análises de vídeo. Para finalizar a xornada, Carlos García, do centro deportivo 7 metros, ensinará unha demostración práctica de como planificar un mes completo de adestramento desde cero utilizando MyTrainingsPal.
PUBLICIDADE
O evento concluirá cun networking con cocido no Restaurante A Molinera, onde se poderá conversar, xerar conexións, explorar colaboracións e compartir estratexias reais entre centros. O encontro ten prazas limitadas e para asistir é necesaria previa inscrición a través da ligazón https://eventos.mytrainingspal.com . O prezo ata o 30 de abril, inclusive, era de 70 euros, agora incrementarase ata o peche de inscricións (mércores 13 de maio).








Comentarios