Sedexpo 2025 arrinca amosando o máis vangardista do sector da seguridade, defensa e emerxencias
- Laura Moure
- 27 mar
- 3 Min. de lectura
Celébrase no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda
Laura Moure/Silleda
A III Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, SEDEXPO 2025, abriu onte as súas portas no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda. Unha xornada na que, ademais de mostrar os produtos, sistemas e solucións máis vangardistas destes tres sectores sinérxicos, volveu marcar a diferenza polo seu carácter dinámico e o alto nivel das súas actividades.
Inaugurada este mércores coa participación do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, a feira mostra as innovacións de 387 firmas de 38 países. Estas están representadas por 99 expositores presentes directamente no certame que ocupan 4.016 metros cadrados netos e proceden de oito países como son España, Portugal, Alemaña, Francia, Países Baixos, Paquistán, República Checa e México. Unhas cifras que supoñen un 71% máis de firmas que na pasada convocatoria, celebrada en 2023, un 19,2% máis de expositores directos e un 11% máis de superficie.

Ademais, o seu programa de actividades acolle ao longo do día multitude de propostas, xa en marcha desde primeira hora, sumando máis dunha vintena de conferencias e numerosos talleres, demostracións e simulacros.
Así, onte celébrase o work-shop Fire Res “Interface Azul”, organizado pola consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, a cal forma parte como socio de pleno dereito do Fire Res, proxecto europeo cuxo obxectivo é conseguir unha estratexia holística e integrada de xestión de incendios para abordar de maneira eficiente e eficaz os eventos extremos de incendios forestais en Europa a través de 11 living-labs, un deles en Galicia, o living-lab Atlántico. Inaugurado polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, abordou onte temas como “Os pobos seguros de Portugal - Aldeia Segura e Condominio de Aldeia”, “Comportamento dos incendios forestais e evolución dos factores socio-
económicos no ámbito rural”, “O traballo dos voluntarios de Protección Civil en incendios forestais” ou o “Risco de Interface urbano-forestal nas provincias galegas: características comúns e diferenciais”. Mañá continuará co simposio Fire Res “Incendios Forestais Extremos”.
A este work-shop fóronse sumando numerosas xornadas centradas en aspectos de gran interese, entre elas “A resposta ante a contaminación mariña accidental en Galicia: o plan Camgal e o servizo público de Gardacostas de Galicia, organizada pola Consellería do Mar; “A intelixencia e información ao servizo da seguridade e defensa. Colaboración público privada. Pasado, presente e Futuro”, por parte da Garda Civil; “Protección civil e emerxencias, riscos de inundacións. Procedementos de Inungal e fenómenos meteorolóxicos adversos”; de man da Xunta de Galicia, ou “Salvamento marítimo Centro Jovellanos - formamos persoas extraordinarias”, organizada por Salvamento Marítimo. Ademais, realizadas por empresas, leváronse a cabo conferencias sobre “Ciberseguridade no sector da automoción: a UNR155”, “Ciberseguridade en redes e servizos 5G”, “Xestión automatizada e global de incendios forestais”, “Vectores de ataque nos sistemas de mobilidade intelixente”, “Seguridade e gobernanza do dato” ou “Drons e unidades k9: innovación e colaboración na seguridade cidadá”.
Publicidade
Ademais, celebráronse talleres, como o de soporte vital básico e desfibrilación externa semiautomática, organizados pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia -061.
Simulacros e demostracións
As demostracións e simuladores volven ser sinal de identidade desta terceira edición de Sedexpo. Así, ao longo do día celebráronse demostracións centradas en simuladores, entre eles de emerxencias e evacuación para traballar a prevención activa do persoal aerotransportado ou de prácticas extremas de alto estrés en tiro simulado que permite que as forzas da orde e de seguridade se adestren en escenarios dinámicos baseados en IA, ademais de prácticas nunha galería de tiro con pistolas táser. Así mesmo, realizáronse exhibicións de sistemas de ciberseguridade en distintos ámbitos, de drons, maquinaria ou compostos de fibra que absorben derrames de hidrocarburos e derivados químicos tanto en auga como en terra.
O certame acolleu ademais espectaculares simulacros. No lago do recinto tivolugar un rescate por parte de Gardacostas de Galicia e a Unidade de Policía Adscrita de Galicia (UPA Galicia), con presenza de efectivos e helicóptero desalvamento. Ademais, no marco do work-shop Fire Res, celebrouse outro daUnidade Batracio Ancares de prevención de incendios denominada “Manobra de protección de infraestruturas (Defensa Interface)”.
Comments