top of page

Scientia Lalín abre “unha nova época” tras aumentar en 30 alumnos a matrícula para o curso 2021/22

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

"Non queremos despedir a ninguén, xa que o noso obxectivo é que veñan máis alumnos e alumnas"


Laura Moure/Lalín

O director xeral do Grupo Scientia School, Francisco Guerrero, visitou esta mañá as obras de reforma que están a acometer no Colexio Scientia Lalín para escenificar o comezo dunha “nova época” marcada polo “verdadeiro éxito” de invertir a tendencia de perda de alumnos/as dos últimos anos e alcanzar a data de hoxe os 226 alumnos/as matriculados para o curso 2021/22 tras rexistrar 30 novas matrículas.


“Se tamén temos en conta o número de pais de alumnos/as que saen de cuarto, podemos dicir que hai 40 novas familias que decidiron vir e matricular aos seus fillos/as no noso colexio”, enfatizou Francisco Guerrero, que compareceu diante dos medios de comunicación acompañado polo director pedagóxico do grupo, Miguel Ángel Guerra, e pola directora do centro lalinense, Belén Villanueva. “O primeiro obxectivo de Scientia é que cada vez que un pai ou nai de Lalín ou da comarca teña que pensar nun colexio onde levar ao seu fillo ou filla, teña na mente Scientia Lalín como unha alternativa”, subliñou.

Asistentes hoxe á visita supervisando as instalacións.


O director xeral de Scientia School explicou que os tres eixos sobre os que se está a artellar o novo proxecto educativo do colexio son “cambio, sustentabilidade e innovación”. Segundo precisou, o cambio pasa tanto pola reforma das instalacións como pola incorporación do novo equipo directivo, ao que lle agradeceu “o gran esforzo e traballo” realizado nos últimos meses, o que está a permitir “que se comecen a ver os resultados”.


En canto ás obras, sinalou que ata a data o Grupo Scientia School leva investido máis de 150.000 euros en pequenos arranxos -calefacción, pintura, mantemento, etc.- e que no verán investiranse outros 250.000 euros para “dignificar as instalacións do centro”. “Estamos a concentrar todo o esforzo na Escola Infantil, que é unha demanda para favorecer a conciliación nesta comarca”, precisou antes de explicar que este servizo pasará a ocupar a zona de entrada do colexio.


En segundo lugar, Francisco Guerrero referiuse á sustentabilidade do colexio como o

segundo eixo do proxecto de revitalización: “Este centro ten que ser sutentable economicamente. Comezamos a investir en obras e non queremos que se pense que imos

especular co edificio. Vimos para volver falar de educación e porque non queremos despedir a ninguén, xa que o noso obxectivo é que veñan máis alumnos e alumnas. Este centro ten hoxe unha ratio de profesores/alumnos moi elevado, pero a nosa aposta non é seguir baixando profesores, se non que vaia medrando o número de alumnos”.


Tamén apuntou que a innovación será o terceiro eixo estratéxico, entendida tanto no “deseño de novos espazos educativos” como no eido da implementación de novas

tecnoloxías. “Este ano todos os alumnos e alumnas do Colexio Scientia Lalín van ter un

dispositivo electrónico”, enfatizou. Os de 1º e 2º de Primaria disporán dunha tablet para

compartir entre dous e todos os alumnos/as desde 3º de Primaria ata 4º da ESO disporán

dun ChromeBook, “tratando de que teñan o menor custo para as familias”. Neste senso,

tamén salientou que “tras ser moi insistentes, este colexio contará con fibra óptica, necesaria porque o vindeiro ano haberá arredor de 300 dispositivos electrónicos conectados ao mesmo tempo, entre alumnado, profesorado e administración”.


Por último, Francisco Guerrero convidou ás “familias lalinenses que queiran entender como

funciona este colexio a que veñan falar co equipo directivo”. “Os seus fillos van estar no

centro do noso proxecto educativo e neles imos centrar os nosos esforzos”, concluiu.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page