Sarela valora positivamente o punto de información sobre o dano cerebral en Lalín
- Laura Moure

- 1 ago 2022
- 2 Min. de lectura
O Concello e a asociación asinaron hai 10 meses un convenio para poñelp en marcha e xa atendeu a seis familias
Laura Moure/Lalín
O Concello de Lalín e a Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela asinaron hai 10 meses o convenio de colaboración para a posta en marcha dun punto de información especializado en Dano Cerebral e a realización de actividades de sensibilización e información dirixida á poboación e centros educativos. Segundo ese acordo o Concello cédelle a Sarela o uso dun local municipal no Lalín Arena a Sarela no que funciona o punto de información.

Sarela valora positivamente este acordo que serviu para chegar directamente ás familias de Lalín e desenvolver accións de sensibilización e información sobre esta discapacidade. Nestes 10 meses un total de seis familias foron atendidas no punto de información que, situado no Lalín Arena, é atendido por unha traballadora social de Sarela o último mércores de cada mes entre as 10:30 e as 13:30 horas. As familias que foron atendidas en Lalín recibiron información e orientación sobre como abordar a nova situación tras o Dano Cerebral Adquirido (DCA) e as profesionais de Sarela valoraron as súas necesidades de atención.
Coordinación continuada con servizos sociais No punto de información de Lalín tamén houbo un traballo de coordinación con profesionais municipais e de distintos recursos sociosanitarios do Concello. Durante estes meses fíxose unha coordinación continuada cos servizos sociais para a derivación de casos e o funcionamento do punto de información. Á vez realizou unha reunión de traballo no Centro de Saúde, na que participaron 15 profesionais, e con outras entidades do terceiro sector. A raíz desta colaboración tamén se mantivo un encontro para a coordinación dos servizos de orientación laboral do Concello e de Sarela.
En base ao convenio co Concello de Lalín Sarela tamén realizou actividades de sensibilización e información. Ademais do reparto de carteis, guías de familia e trípticos da entidade (como por exemplo no centro de saúde e nas farmacias do Concello), Sarela desenvolveu dúas actividades de sensibilización (no Concilia Lalín e no Campamento urbano de verán) nos que participaron 48 nenos e nenas.
O Concello de Lalín tamén colabora no coñecemento do Dano Cerebral e de Sarela grazas á colaboración mensual mantida desde xaneiro en Radio Lalín con entrevistas, o último mércores de mes, nas que profesionais da entidade falaron de aspectos relacionados co DCA como son as súas causas, secuelas, consellos para as familias, etc.







Comentarios