Santiso acollerá o 29 de este mes unha xornada dirixida ás mulleres rurais
- Laura Moure
- 12 oct 2024
- 4 Min. de lectura
Forma parte das iniciativas da Subdelegación do Goberno na Coruña con motivo do 25N
Laura Moure/Santiso
A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, convidou este venres a toda a cidadanía da provincia para sumarse á programación deseñada pola Subdelegación do Goberno con motivo do 25N e que cualificou como a “máis ambiciosa e extensa” das organizadas por esta institución ao redor do Día Internacional contra a Violencia sobre as Mulleres. A presentación tivo lugar onte na sede da Subdelegación, con motivo do inicio dos talleres “Regueifando en Igualdade”, unhas de accións deste programa destinada a promover a igualdade entre os mozos e mozas de distintos centros de educación secundaria da provincia mediante úsoo da regueifa (disputa dialéctica improvisada).
Estes talleres desenvolveranse en tres centros escolares da provincia: o 15 de outubro, no IES ‘Fernando Blanco’ de Cee; o 16 de outubro, no IES ‘Adormideras’ da Coruña; e o 24 de outubro no IES ‘Punta Candieria’ de Cedeira. A actividade será dirixida pola regueifeira Lupe Blanco, quen improvisou durante a presentación unha disputa dialéctica improvisada. Precisamente, escolleu como leiv motiv do seu canto a conmemoración do Día Internacional da Nena, que ce celebra onte, 11 de outubro. Xunto a ela, tamén asistiron a alcaldesa de Cee, Margot Lamela; o alcalde de Cedeira, Pablo Moreda, e a concelleira de Igualdade da Coruña, Nereida Canosa. Tamén participaron representantes das direccións dos tres centros educativos participantes.
A subdelegada estivo acompañada pola xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller da Coruña, Manuela Vilaboy. María Rivas remarcou que loita a contra a violencia machista e a promoción da igualdade son tarefas prioritarias para a Subdelegación, que “se estenden 365 días ao ano”, e enmarcou esta programación neste compromiso diario cara a eliminación da violencia contra as mulleres. A subdelegada insistiu en que todas estas actividades pretenden contribuír á visibilizar as múltiples formas de violencia contra as mulleres, as nenas e os nenos así como proporcionar ferramentas para a reflexión e o debate ao redor da percepción que como sociedade temos da mesma, “nun momento no que os discursos negacionistas e os bulos están a facer posible a percepción dun certo retroceso que como sociedade non nos podemos permitir”.
Publicidade
Tres meses de programación
As accións deseñadas ao redor do 25N esténdese desde o pasado mes de setembro ata finais de novembro, e impactarán en toda a provincia, con especial atención á poboación máis nova. Todas elas, lembrou a subdelegada, responden os obxectivos e principios do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. As actividades deron comezo o pasado día 20 de setembro, coa campaña en redes sociais contra a explotación sexual e o tráfico de mulleres, nenas e nenos, que levou por título “Explotación sexual é violencia”. Tamén comezaron o ciclo de talleres de educación afectivo sexual, impartidos pola entidade especializada en malos tratos infantís e xuvenís AMINOGa.
O primeiro deles realizouse a pasada semana no CPI ‘Castro Baxoi’ de Miño, e repetiranse os próximos 21 e 28 de outubro no IES ‘Xulián Magariños’ de Negreira.
Xornadas de difusión
Celebraranse dúas xornadas de sensibilización e de difusión das medidas e recursos públicos que dispoñen as vítimas da violencia de xénero. A primeira será o 10 de outubro na Facultade de Ciencias da Educación de Santiago. A segunda, que terá lugar en Santiso o 29 deste mes, estará dirixida especificamente ás mulleres rurais. En ambas as actividades falarán representantes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, así como a xefa da Oficina de Violencia sobre a Muller da Subdelegación.
Talleres para profesionais
Tamén está prevista a realización de dúas actividades formativas dirixidas a profesionais dos centros de información á mulleres, das forzas e corpos de seguridade do Estado, dos servizos sociais, das entidades asociativas que traballan na prevención ou con vítimas de violencia machista, e que teñen por finalidade abordar novos aspectos, co obxectivo de concienciar, dotar de ferramentas e crear espazos de intercambio de coñecemento. A primeira xornada leva por título ‘Doio e trastornos de personalidade nas vítimas de violencia de xénero’, impartida pola traballadora social, Pilar Rey e as psicólogas Luisa Kirmayer e Beatriz Piñeiro Gulín, terá lugar o 18 de novembro no Centro de Inserción Social ‘Carmela Arias e Díaz de Rábago’, na Coruña. A segunda xornada versará sobre ‘O réxime de visitas nos casos de violencia sobre a muller’ e estará a cargo a xuíza Sonia Rey Salgueiro, e celebrarase o 19 de novembro.
Accións de divulgación
Realizaranse un novo taller de radio contra a violencia de xénero, que terá un ano máis por protagonistas ás usuarias do Centro de Inserción Social ‘Carmela Arias e Díaz de Rábago’. A Subdelegación do Goberno na Coruña continuará coas actividades de sensibilización en dúas liñas. A primeira liña ten como destinatarios os 93 concellos da provincia, aos que se distribuirán 2.500 exemplares dos materiais informativos sobre sistema de seguimento por medios telemáticos das prohibicións de aproximación impostas en materia de violencia de xénero e violencia sexual; o servizo de atención telefónico 016; o servizo telefónico de Atención e Protección para vítimas de violencia contra as mulleres (ATENPRO), e da app ALERTCOPS.

A segunda liña emprega a lectura como forma de divulgación, a través de MAVI (a maleta viaxeira contra a violencia de xénero). Esta campaña xa percorreu 11 concellos e 2 entidades da provincia da Coruña, e chegará durante este trimestre aos concellos de Fene e Camariñas. María Rivas lembrou que o 28 de decembro cómprense 20 anos da Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra la Violencia de Xénero, motivo polo que desde a subdelegación da Coruña, promoverase un faladoiro con expertas para analizar como avanzou a sociedade no ámbito da igualdade e na loita contra a violencia machista, logo da promulgación dunha lei que foi pioneira e referente para as políticas de igualdade. Finalmente, do mesmo xeito que en anos anteriores, na semana do 25 de novembro, a sede da Subdelegación do Goberno mostrará, na súa fachada, unha pancarta en rexeitamento da violencia de xénero.
Comentarios