Visitarán mañá, venres, o vertedoiro de Campomarzo (Silleda) e darán unha charla-coloquio no Casino de Lalín
Laura Moure/Deza
A Coordinadora Galega de ONGD informa que mañá, venres 12, levará a cabo dúas actividades na comarca de Deza con Sandra Reyes e Modesto Ochoa, defensores da terra e dos dereitos humanos en Honduras.
A primeira delas será ás 17:30 horas cunha visita ao vertedoiro de Campomarzo (Silleda). "Alí mesmo haberá un encontro no centro social con varias organizacións ecoloxistas da comarca, aberta á participación de todos os colectivos interesados", sinala a asociación.
E a segunda terá lugar ás 20:00 horas charla-coloquio no Casino de Lalín.
"Estas dúas actividades están englobadas nas xornadas A defensa da terra, unha loita global que organizamos no marco do proxecto Futuro en Común financiado pola AECID".
Sandra Reyes é defensora de dereitos humanos e do territorio e líder comunitaria. É membro da Red de Mujeres de Pespire e subcoordinadora do Movimiento Ambientalista Social del Sur por la Vida ‘MASS-Vida’, plataforma social de defensa do territorio e os DDHH das provincias de Choluteca e Valle (zona sur de Honduras, fronteiriza con El Salvador e Nicaragua).
Modesto Ochoa é defensor do territorio e líder comunitario. Compatibiliza a súa profesión de pescador artesanal e agricultor coa presidencia da xunta directiva do Comité para la Defensa y Desarrollo de la Flora y Fauna de Golfo Fonseca (CODDEFFAGOLF), unha das organizacións ambientais máis importantes do sur de Honduras.
"Por mor do seu labor, Sandra e Modesto, como moitas persoas defensoras do territorio e dos dereitos humanos en diversos países do mundo, foron vítimas de ameazas por parte das autoridades estatais e empresas extractivistas. Honduras é un dos países do mundo con maior número de asasinatos de ambientalistas. A impunidade, a corrupción e a pobreza favorecen que as empresas antepoñan os seus intereses aos dos propios habitantes do territorio. A chegada á presidencia de Xiomara Castro presentouse como
unha oportunidade de cambio, non obstante, a violencia continúa sendo de extrema gravidade. No que levamos de 2023, alomenos 8 activistas ambientais foron asasinados", explica o colectivo.
Comments