Laura Moure
Igrexa de Berredo (Agolada) na que se celebra o San Brais. Foto: Ecos da Comarca
Hoxe, 3 de febreiro, celébrase a festividade de San Brais (en castelán San Blas). É patrón das enfermidades da gorxa e dos laringólogos. San Brais naceu nunha familia con diñeiro e os seus pais eran nobres. Foi educado cristianamente e consagrouse como bispo cando aínda era moi novo na cidade de Sebaste, Armenia. Ademais, foi médico. Ao empezar a persecución aos cristiáns, por inspiración divina, retirouse a unha cova no Monte Argeus facendo vida eremítica, e o santo atendía e curaba a aqueles cando estaban enfermos. Cabe mencionar que esta cova estaba ademais frecuentada por feras salvaxes.
Era coñecido polo seu don de curación milagreira. A historia conta que salvou a vida dun neno que se estaba afogando ao trabárselle na gorxa unha espiña de peixe. Este é a orixe da costume de bendicir as gorxas o día da súa festa. Segundo a lenda, acercábaselles tamén animais enfermos para que os curase, pero non o molestaban no seu tempo de oración.
Cando a persecución de Agrícola, gobernador de Cappadocia, contra os cristiáns chegou a Sebaste, os seus cazadores foron buscar animais para os xogos da area no monte de Argeus e encontraron moitos deles agardando fóra da cova de San Brais. Alí atoparon ao santo en oración e arrestárono. Agrícola tratou sen éxito de facerlle apostatar. Na prisión, sandou algúns prisioneiros e finalmente, foi botado a un lago. San Brais, parado na superficie, convidou aos seus perseguidores a camiñar sobre as augas e así demostrar o poder dos seus deuses, pero afogaron. Cando volveu á terra foi torturado e decapitado.
Hai que lembrar tamén que o refraneiro fai referencia a este día. Por San Brais hora e media máis, xa que a partir de hoxe vaise ir notando que os días medran ou Por San Brais, a cigoña verás e senón a viras anos de neves; Por San Brais empeza a viña a podar ou Por San Brais os teus allos sementarás, entre moitos outros.
Comments