top of page

Salimat Abanca participa por primeira vez en Saborea La Palma para promocionar a súa edición de 2026

O Salón de Alimentación do Atlántico continúa promocionando a súa 29ª edición, que terá lugar do 4 ao 7 de xuño de 2026 na Feira Internacional Abanca Semana Verde de Silleda


Laura Moure/Silleda

O Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, continúa promocionando a súa 29ª edición, a cal terá lugar do 4 ao 7 de xuño do vindeiro ano xunto á Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia. Así, se a semana pasada un equipo feiral visitou o certame Auténtica Premium Food de Sevilla, estes días Salimat Abanca está a darse a coñecer entre os participantes e visitantes da segunda edición da Feira Insular de Gastronomía, Saborea La Palma, a cal se celebra dende onte ata hoxe venres, sábado en Los Llanos de Aridane, na illa da Palma (Canarias).

ree

Salimat Abanca dispón dun stand nesta feira que, ademais de produtores e restaurantes da illa, conta coa presenza de distintas entidades e destinos tanto rexionais como nacionais. Unha presenza que responde a unha xa estreita relación entre a entidade feiral galega e La Palma, expositora xunto a varios produtores palmeiros nas dúas últimas edicións de Salimat Abanca e tamén en varias convocatorias do paralelo salón de turismo Turexpo Galicia, e que agora se produce á inversa, coa asistencia por primeira vez da feira galega a este evento.


 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Unha participación para a que conta na illa cun equipo da Feira Internacional de Galicia ABANCA encabezado polo seu director, Ricardo Durán, que ademais de atender aos visitantes no stand, está a levar a cabo visitas aos produtores e entidades presentes no certame.


Aposta por promocionarse noutras feiras

A presenza en Saborea La Palma reflicte a aposta da entidade feiral por acudir a outros eventos como unha das ferramentas máis efectivas para sumar novas empresas na súa mostra, xa que as visitas e participacións noutras citas achegan a metade dos novos expositores de Salimat Abanca. Ademais de Saborea La Palma e Auténtica Premium Food, a feira participa noutros moitos certames, como Alimentaria, en Barcelona; Gourmets, en Madrid; Gastrónoma, en Valencia; Gustoko, en Bilbao; Alicante Gastronómica, en Alacante; ou Xantar, en Ourense.


PUBLICIDADE

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Con estas accións preténdese dar a coñecer as vantaxes de participar nunha feira que experimentou un gran crecemento nos últimos anos, como é Salimat Abanca. Así, tras a cita de 2025, na que sumou 288 expositores directos entre os que destacou un maior carácter internacional, chega á súa 29ª convocatoria co obxectivo de superarse como punto de encontro do sector alimentario e gastronómico.


Negocio, innovación e intercambio de coñecementos serán os piares deste certame, que potenciará as súas fortalezas a través dunha atractiva mostra e unha ampla programación. Nesta última destacarán os Encontros Internacionais de Compradores, ademais de showcookings, catas, presentacións e o seu espazo de novos produtos Alinova.



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page