Pon en valor o Corazón da Artesanía como un gran escaparate para “conxugar tradición e vangarda”, así como promocionar o sector, divulgar os oficios tradicionais, crear sinerxías con outras disciplinas ou impulsar novas vocacións
Ecos da Comarca/Agolada
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou este venres o valor do selo Artesanía de Galicia como factor identitario da comunidade que axuda, ademais, a crear emprego e dinamizar o rural. “Fomos a primeira comunidade en posuír un selo propio no sector e hoxe é unha marca moi consolidada que dá a volta ao mundo”, asegurou. Así o manifestou durante o inicio da XI edición do Corazón da Artesanía, unha feira que se levará a cabo desde hoxe e ata o vindeiro domingo día 7 nos Pendellos de Agolada e que cualificou como “unha idea fantástica”, ao unir un escenario tan significativo como os pendellos con “algo tan potente” como é a artesanía. “A artesanía de Galicia é algo moi valorado fóra que temos que valorar aquí tamén, que lle dá traballo a moita xente e que fala de nós por moitísimos sitios”, asegurou.
A mostra conta cun total de 53 profesionais da artesanía –36 como expositores e 14 como docentes nos cursos especializados e obradoiros abertos a todos os públicos–, e diferentes artesáns que participan achegando soportes para o programa Artesanía no Prato. Entre eles, o presidente da Xunta destacou a sorte de contar con algúns como o cesteiro Álvaro M. Leiro, a zoqueira Elena Ferro ou o obradoiro Seivane, os tres Premios Nacionais de Artesanía.
Así mesmo, Rueda enxalzou Corazón da Artesanía como un gran escaparate para “conxugar tradición e vangarda”, ao tempo que promociona o sector, divulgar os oficios tradicionais, crear sinerxías con outras disciplinas, impulsar novas vocacións e actualizar a artesanía galega, integrando as pezas máis tradicionais na vida cotiá e contemporánea. Así mesmo, puxo en valor que a iniciativa recibise o ano pasado o Premio Nacional de Artesanía 2023 na categoría para Entidades Públicas.
Publicidade
Consciente da importancia e co ánimo de contribuír ao seu crecemento, a Xunta leva investidos máis de 25,13 millóns de euros para potenciar este sector a través de medidas como ordes de axudas para obradoiros artesanais, concellos e asociacións para impulsar a comercialización e a competitividade da artesanía galega, así como a estratexia integral para a promoción do sector, apostando pola innovación e a adaptación a novas tendencias.
Un completo programa
Corazón da Artesanía, impulsada pola Fundación Artesanía de Galicia dende o ano 2012, contará este ano cun total de 28 oficios representados, como sombreiraría, instrumentos musicais, xoiería, ourivería, olería, redeiras, carpintería e tapicería.
Publicidade
Ademais, haberá 32 empresas con expositores de produtos gourmet, das cales 19 contan co selo de Artesanía Alimentaria. A feira ofrecerá tamén 8 cursos de formación especializada, 5 obradoiros abertos para público infantil e adulto, e showcookings e degustacións no marco do programa Artesanía no Prato, fusionando artesanía e gastronomía. Ademais, haberá 6 actuacións musicais de balde.
Máis información no enlace: https://www.ecosdacomarca.com/event-details/o-xi-corazon-da-artesania-de-agolada
Reivindicacións Altri e parcelarias
Veciños e veciñas das comarcas aproveitaron a visita do presidente para reivindicar dúas causas: que non se implante a macrocelusa de Altri en Palas de Rei e que se leven a cabo as parcelarias en Agolada. Para iso varias persoas vestiron camisetas con estas reivindicacións e tamén berraron ben forte: Altri Non! (Sacaremos vídeo nos vindeiros días).
Está Xunta está sempre onda iniciativa popular funciona e facendo como propio o éxito. Apropiase dos éxitos por falta de ideas