"É unha gran honra e sinto un enorme orgullo porque creo que non hai nada máis bonito ca ser o alcalde do teu pobo"
Luís López fai entrega do bastón de mando a Rubén Quintá, novo alcalde de Camba.
Laura Moure/Rodeiro
O que fora concelleiro de Obras e Servizos durante o mandato de Luís López e tamén reelixido presidente da Sociedade de Caza e Pesca de Rodeiro o pasado setembro, Rubén Quintá, tomou esta mañá posesión como alcalde de Camba, tras o nomeamento de López como delegado da Xunta en Pontevedra.
O exmandatario foi o encargado de entregarlle o bastón de mando ao seu sucesor, un acto que contou cun aforo limitado debido á crise sanitaria. "Hoxe é un día especial para o pobo de Rodeiro e para min é unha gran honra e sinto un enorme orgullo porque creo que non hai nada máis bonito ca ser o alcalde do teu pobo. E sei que asumo unha grandísima responsabilidade con todos os veciños e veciñas aos que intentarei atender coa máxima adicación e traballo", apuntou o novo rexedor rodeirense , que agradeceu en primeiro lugar a súa familia e tamén a López "pola súa confianza" e "sabemos que vas levar con orgullo o nome de Rodeiro e que te vas a preocupar desde o teu novo cargo polas necesidades deste pobo" díxolle ao exalcalde e confesoulle que "xa te botamos de menos a pesar de que as túas visitas aquí son frecuentes".
Tamén tomou posesión como concelleira María Dolores Simón Valladares. Quintá agradeceu ao resto dos membros do seu equipo e referiuse á novo concelleira. "Dámoslle a benvida a María que seguro que será un sopro de aire fresco e de gran axuda".
Biografía do novo mandatario
Rubén Perfecto Quintá Quintá naceu en Rubiás (Negrelos, Rodeiro) en 1964. É gandeiro e foi tesoureiro da Sociedade de Caza e Pesca deste municipio. Nas eleccións municipais de 2007 foi o candidato número cinco do PPdeG ao Concello de Rodeiro, pero non foi elixido. Logo da dimisión do candidato e portavoz do PPdeG José Luis Fernández Fafián en marzo de 2010, entrou a formar parte da corporación municipal e foi nomeado edil de Medio Ambiente. Nas municipais de 2011 ocupou o número tres na lista popular e foi elixido concelleiro, así como presidente da Sociedade de Caza e Pesca de Rodeiro en 2012.Volveu ser elixido edil en 2015, sendo nomeado segundo tenente alcalde e concelleiro de Obras e Servizos o mesmo que en 2019. E volveu ser reelixido presidente da Sociedade de Caza e Pesca en setembro de 2020 e agora é o novo alcalde de Camba.
Comments