O PSOE levará ao pleno unha moción na que demanda o arranxo das estradas PO-534, PO-206, PO-902 e N-640 ao seu paso polo concello de Lalín
Ecos da Comarca/Lalín
Román Santalla Agra seguirá na lista do PSOE de Lalín de cara aos comicios do 28 de maio e irá no posto de honra, pechando a candidatura de Alba Forno. Quen foi o
candidato nas anteriores eleccións móstrase agradecido “porque a nosa candidata siga
pensando en min para formar parte do seu proxecto”.
Tras catro anos como concelleiro da corporación municipal afirma que “tivemos unha labor
complexa e puxéronnos moitas trabas para desempeñar o noso traballo como representantes de numerosos/as veciños/as de Lalín”. Detalla que non houbo case
ningunha moción que presentaron dende o grupo socialista que fose apoiada polo PP de Lalín, “en temas relevantes como pode ser melloras sanitarias, medidas para o rural, máis
transparencia... Tamén podería lembrar as numerosas faltas que recibimos, principalmente os concelleiros do PSOE, sacándonos a membros da familia constantemente”.

Para estes comicios decidiu dar un paso ao lado por motivos persoais, pero “estou convencido de que temos á mellor candidata e de que fará historia en Lalín, converténdose na primeira muller alcaldesa. É nova, traballadora e loitadora. Leva catro anos demostrando a súa valentía nos enfrontamentos con Crespo, e sempre dende a educación e o respecto”. Engade que Alba Forno conta cun proxecto “claro e que mellorará a vida da nosa veciñanza e potenciará Lalín en moitos eidos”. Así mesmo, puntualiza que dende o grupo socialista teñen claro que o rural será prioritario no vindeiro mandato “porque neste xa vimos que só foi relevante agora, a meses das eleccións, pero os/as veciños/as xa non cren nesta maneira de facer política e demostrarase o vindeiro 28 de maio”.
Por parte da candidata á Alcaldía, Alba Forno, reitera o agradecemento a Santalla, “quen
sempre está disposto a botar unha man, a pesares das dificultades persoais. Recibín o seu apoio dende o minuto 1 e sei que así seguirá sendo nos próximos anos”. Afirma que é unha persoa comprometida “co partido, pero sobre todo coa veciñanza”. Puntualiza que
estes catro anos non foron sinxelos para el e por iso destaca que “estou orgullosa de ter
unha persoa coma el, que sempre defendeu os ideais socialistas, que é traballador e que
seguirá loitando por mellorar a vida da nosa veciñanza e, en concreto, do rural”.
Mellora de viais
Por outra banda, o PSOE de Lalín presenta unha moción na que reclama que arranxes as estradas autonómicas que transcorren polo municipio. "A maior parte das vías autonómicas que transcorren polo Concello de Lalín, que parten do casco urbano, presentan en boa parte dos seus percorridos un mal estado e non garanten uns mínimos niveis de seguridade vial, tendo en conta que soportan un alto volume de tráfico. As estradas dependentes da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade levan anos sen ter ningún arranxo significativo e mostran carencias que afectan, principalmente, ao estado do firme, con numerosos buracos e nalgúns puntos con un considerable deterioro do asfaltado, que se mostra cuarteado e deixa a vista gretas en varios puntos".
Así mesmo, recalca que as deficiencias máis destacadas preséntanse na vía PO-206 (Lalín-Vila de Cruces), principalmente a partir do punto quilométrico 8, no que se poden ver numerosas gretas e buracos ata a entrada do seguinte Concello. O pavimento está altamente deteriorado e desgastado. Na PO-534 (Lalín-Polígono de Botos) tamén se poden observar gretas, principalmente a saída da rotonda da Estación, e ao seu paso por Soutolongo e Vilatuxe, tamén se detectan numerosas deficiencias, coma gretas e nalgúns puntos quilométricos buracos. Na estrada Lalín-O Irixo-Carballiño (PO-902), no seu paso pola Xesta, hai numerosos baches e a capa de asfaltado mostra un alto deterioro e desgaste.
Na Memoria de tráfico do ano 2021,, sinala o PSOE, publicada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, recóllese que pola PO-533 (Lalín-Rodeiro) transcorren unha media diaria de 3.728 vehículos; pola PO-534 (Lalín-Polígono de Botos) uns 4.140, e pola PO-206 (Lalín- Vila de Cruces) 1.683. O que representa que diariamente estas vías son altamente transitadas, polo que é preciso que todas elas presenten un bo estado.
Ademais, deben ofrecer unha maior seguridade tamén para os viandantes que diariamente camiñan polas mesmas.
"Así mesmo, a estrada nacional N-640 que conecta o Concello de Lalín co de Agolada,
presente un alto mal estado. Son moitos os puntos quilométricos nos que hai buracos e as gretas son evidentes en case todo o seu paso polo municipio lalinense. Esta vía, que
tamén ten moito tránsito de vehículos, pertence ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana".
Por todo isto, dende o Grupo Municipal Socialista de Lalín solicitan que se inste á
Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a que acondicione e mellore os pavimentos das estradas anteriormente
mencionadas, PO-534, PO-206, PO-902 e N-640 ao seu paso polo Concello de Lalín.
Comments