top of page

Román Rodríguez redobra o compromiso do PP con Deza e Tabeirós-Montes tras investir 261 millóns de euros na derradeira lexislatura

Anunciou o compromiso coa autovía Santiago-A Estrada, a posta en funcionamento do CIS de Lalín, accións de modernización do sector agrogandeiro, a gratuidade de matrícula para os 1.400 universitarios da zona, o edificio de Medio Rural ou Casa de Don Álvaro


Ecos da Comarca/Deza

O conselleiro e candidato lalinense do Partido Popular, Román Rodríguez, anunciou este martes que o PP redobrará o seu compromiso en investimentos coas bisbarras de Deza e Tabeirós-Montes durante a vindeira lexislatura, en caso de revalidar a presidencia de Alfonso Rueda nas eleccións do 18 de febreiro, tras destinar 261.880.295 euros aos oito municipios da zona no derradeiro mandato.

“O Goberno galego, cun enorme grao de implicación de todas as consellerías, investíu nestes catro anos unha media superior a 65 millóns de euros por exercicio nas nosas comarcas, o que supón unha elevadísima cifra de 1.039 euros por habitante ao ano”, detallou o tamén coordinador comarcal do Deza, que engadíu que o obxectivo para o mandato 2024-2028 “é moi claro e está fixado, sen ningunha dúbida, en superar esta contía, xa de por si moi potente, para seguir atendendo as necesidades e favorecendo o progreso e o desenvolvemento de Lalín, A Estrada, Silleda, Vila de Cruces, Forcarei, Rodeiro, Agolada e Dozón”.


Publicidade

Román Rodríguez puxo en valor esta aposta da Xunta pola zona interior do norte provincial no almorzo informativo celebrado onte na capital dezá para presentar o programa electoral do PP, no que estivo acompañado polo responsable da súa elaboración, o estradense Valentín García; a secretaria xeral do PP Provincial, Luisa Piñeiro; o voceiro parlamentario, Alberto Pazos; e José Crespo, Juan Constenla, Ignacio Maril, Jesús Otero, Belén Cachafeiro, Cati Somoza, Carmen Seijas e Adolfo Campos, en representación dos oito municipios.


O número 4 da candidatura popular quixo recalcar que esta cifra de 261 millóns de euros “refírese exclusivamente a investimentos, que son moi visibles en todos os concellos da bisbarra, porque a maiores habería que engadir os moitos fondos que destinamos desde a Xunta ao funcionamento óptimo dos distintos servizos públicos, xa que, por exemplo, adicamos 44,5 millóns de euros anuais ao desenvolvemento dos cursos lectivos dos centros públicos da zona, que acollen a 5.800 estudantes, ou os máis de 10 millóns de euros para Servizos Sociais, e isto reprodúcese en maior ou menor medida desde todas as consellerías”. Neste senso, Rodríguez lembrou que Galicia destina unha media de 7.700 euros por alumno cada curso, “o que supón a terceira cifra máis alta de toda España e a primeira das comunidades co réxime xeral de financiamento”.


Compromisos do programa

Pola súa banda, o coordinador do programa do PPdeG, Valentín García, abordou os principais compromisos coas bisbarras para a próxima lexislatura “e que son os máis acaídos e necesarios para os 63.000 veciños desta zona e para que este territorio afronte os retos do horizonte do ano 2030”.


Publicidade

Ao respecto, o político estradense confirmou que o programa contempla o compromiso de rematar a autovía Santiago-A Estrada –xa en obras– no próximo mandato, “que é algo que só está garantido cun goberno de Alfonso Rueda, xa que o BNG xa amagou e ameazou en varias ocasións coa paralización desta obra”; de acadar, nos vindeiros meses, a posta en funcionamento do novo Centro Integral de Saúde (CIS) de Lalín; e de construír o Edificio de Servizos Integrados de Medio Rural na capital dezá e os novos xulgados da Estrada.


Así mesmo, o programa popular tamén recolle, entre moitas outras medidas para a zona, a construción de heliportos sanitarios, a organización dunha ducia de feiras de proxección nacional e internacional vencelladas a Galicia Calidade na Semana Verde, un plan de limpeza de todos os ríos, as xestións para a liberalización da peaxe da autoestrada AP-53, un plan de mobilidade con servizos de taxi en cadea e transporte público, unha aposta global polo turismo do interior con especial preponderancia para o Camiño de Santiago nas rutas da Vía da Prata e do Camiño de Inverno e unha decena de accións transversais para o apoio e a modernización do sector agrogandeiro, entre as que se inclúe a mobilización de ata 65.000 hectáreas de terreo agrario en toda a comunidade e que terá un gran peso nas bisbarras de Deza e Tabeirós.


Publicidade

Neste apartado sobre o programa, Román Rodríguez detallou, xa no eido das súas competencias como conselleiro, que o PP implantará que as primeiras matrículas de todas as materias universitarias sexan gratuítas de xeito universal a partires do vindeiro curso, “que é unha medida que beneficia directamente aos 1.400 estudantes de graos que adoitan ter cada ano estas bisbarras grazas a unha achega que pode alcanzar os 1,1 millóns de euros por exercicio”.


Ademais, concretou que, tras renovar a meirande parte dos centros educativos públicos dos oito concellos nesta lexislatura, vaise continuar coa súa constante mellora e adaptación ao Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica ata o ano 2028 e, no ámbito cultural, acometerase a rehabilitación da Casa de Don Álvaro en Lalín.

1 comentario

1 commentaire


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page