Indica que fai un labor importante na salvagarda da galeguidade e dos valores da comarca de Deza
Ecos da Comarca/Deza
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, gabou o labor do Centro Lalín, Agolada e Silleda de Bos Aires na salvagarda da galeguidade e dos valores tradicionais da comarca de Deza. No marco da súa visita institucional a Arxentina, o representante da Xunta de Galicia visitou o centro para saudar aos seus socios e apoiar a actividade desta entidade, “que acolle unha parte fundamental da Galicia no exterior”, afirmou.

“Os máis de 1.000 socios desta entidade son un exemplo de que os galegos e os dezáns o son alí onde estean, de que os nosos valores como pobo son tan fortes que perduran no tempo e na distancia”, declarou o conselleiro. Puxo en valor, así mesmo, o importante papel que xogan estes espazos como axentes difusores da nosa cultura, lingua e tradición galega, ademais de como lugar de encontro e confraternidade entre os membros.
Publicidade
O conselleiro de Educación pecha a súa visita institucional a Arxentina con esta visita. No transcurso da mesma estreitáronse as relacións co sistema universitario arxentino e asináronse acordos marco de colaboración para impartir titulacións conxuntas de grao, mestrado e doutorado coas universidades galegas, así como para o intercambio de persoal, entre outras accións.
Comments