top of page

Román Rodríguez anuncia obras nos colexios de Dozón e Rodeiro cun investimento duns 700.000 euros

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

As actuacións nos colexios Pío Cabanillas e Plurilingüe de Rodeiro licitaranse hoxe mesmo e suporán a renovación de máis de 400 fiestras por outras nova


Laura Moure/Deza

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou este xoves novos investimentos nos colexios CPI Plurilingüe de Rodeiro e Pío Cabanillas Gallas, en Dozón, cuxas obras de renovación son licitadas hoxe mesmo cun investimento total de máis de 700.000 euros.

No caso do Pío Cabanillas Gallas, o investimento previsto é de 189.050 euros, cos que se mudarán as 111 fiestras do centro; mentres que no Plurilingüe de Rodeiro destinaranse 513.162 euros a renovar as 295 ventás. En ambos os casos instalaranse novas carpinterías de aluminio con mellores prestacións térmicas e acústicas. Alí onde as fiestras se atopan a gran altura colocarase un sistema motorizado para a súa apertura.

O conselleiro destacou que este tipo de actuacións “cumpren unha dobre función: por unha banda, reducir o consumo enerxético dos centros nos que se realizan e, por outra, mellorar de xeito moi significativo o confort térmico de alumnos e profesores”. “Polo tanto, contribuímos tanto ao coidado do medio ambiente e ao aforro do gasto de calefacción, como á comodidade e benestar da comunidade educativa”, engadiu.

Cómpre lembrar que a actuación no colexio de Dozón vén completar a realizada no 2022, por máis de 285.000€, que incluíu o cambio da cuberta e renovación total das instalacións eléctricas e de fontanería, entre outras melloras.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

Nova arquitectura

Tal e como sinalou o titular do departamento educativo da Xunta, estas actuacións enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta coa que o Goberno galego está a modernizar os centros de ensino e converténdoos en instalacións máis eficientes e sustentables, así como axustadas ás necesidades da educación do século XXI, máis dixitalizadas, con espazos funcionais, amplos e flexibles, mobiliario con rodas, etc. Dotado cun orzamento de 191M€, a través deste plan prevese renovar catro de cada 10 centros educativos.


No marco deste plan, o Goberno galego recolle accións por preto de 6M€ na comarca do Deza, entre obras rematadas recentemente, en execución, en licitación e en carteira. En concreto, na obra da central de biomasa do colexio Xesús Golmar de Lalín xa está asinada a acta de replanteo e está a piques de comezar. Ademais, están en licitación as melloras sectoriais no colexio CEIP Ramón de Valenzuela (Bandeira-Silleda) e esta mesma semana está previsto recibir o proxecto para acometer diversas melloras no CEIP de Silleda que, a continuación, será tamén licitado.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page