Rodeiro reforza a coordinación cos traballadores da área de servizos, mellorando a atención á veciñanza
- Laura Moure

- 15 jul
- 2 min de lectura
Laura Moure/Rodeiro
O Concello de Rodeiro celebrou unha reunión de traballo co persoal municipal da área de servizos co obxectivo de facer seguimento dos labores que se están a desenvolver nas distintas aldeas e no casco urbano do municipio. No encontro participaron Alberte Lamazares, alcalde en funcións, e Manuel Deza, concelleiro de Servizos, nunha xuntanza que serviu tanto para analizar o traballo realizado como para reforzar os principios que deben rexer o funcionamento diario dos servizos municipais.

Durante a reunión, Alberte Lamazares quixo trasladar, en primeiro lugar, o seu agradecemento polo compromiso e a implicación que o persoal municipal demostra cada día no desempeño das súas funcións. Así mesmo, incidiu na importancia de continuar desenvolvendo o traballo diario baixo uns criterios claros: o máximo respecto entre compañeiros e compañeiras, unha comunicación fluída e construtiva, e a convicción de que todas as persoas que traballan para o Concello teñen como principal responsabilidade servir ao interese xeral.
O alcalde en funcións lembrou que o persoal municipal é un servizo público e que todas as veciñas e veciños deben recibir o mesmo trato, con igualdade, respecto e profesionalidade. Do mesmo xeito, destacou que a palabra e o diálogo deben ser sempre a principal ferramenta para resolver calquera circunstancia que poida xurdir no día a día, subliñando que tanto a Alcaldía como o conxunto dos traballadores comparten un mesmo obxectivo: ofrecer o mellor servizo posible á cidadanía.
PUBLICIDADE
A reunión tamén permitiu recoller propostas e achegas realizadas polos propios traballadores, orientadas a mellorar a organización e facer máis eficientes os servizos municipais.
Pola súa parte, Manuel Deza destacou o importante traballo que se está a desenvolver nas distintas aldeas e nos espazos públicos do casco urbano, poñendo en valor o esforzo diario do persoal municipal para manter o concello en boas condicións.
PUBLICIDADE
Durante o encontro avaliouse o estado das actuacións actualmente en marcha, intercambiáronse impresións sobre o seu desenvolvemento e identificáronse novas necesidades para continuar mellorando os servizos e dar resposta ás demandas da veciñanza.
"Desde o Concello de Rodeiro reiteramos o noso compromiso cunha administración próxima, eficiente e coordinada, convencidos de que o traballo en equipo entre responsables políticos e persoal municipal é fundamental para seguir mellorando os espazos públicos e a calidade dos servizos que se prestan en todas as parroquias e aldeas do municipio".








Comentarios