Rodeiro presenta a IV edición de «Muller Rural: de onte e de hoxe», un concurso de ámbito galego
O prazo de presentación estará aberto ata o 15 de outubro ás 23:59 horas
Laura Moure/Rodeiro
O Concello de Rodeiro presenta a IV edición do Concurso de Fotografía «Muller Rural: de onte e de hoxe», unha convocatoria de ámbito galego aberta a mulleres de todas as idades, que ten como finalidade recuperar, preservar e poñer en valor as súas historias e o seu legado. A iniciativa está promovida pola concelleira de Cultura, Xulia Dacal, a concelleira de Igualdade, Patricia Hermida, e o tenente de alcalde, Alberte Lamazares, nunha aposta conxunta pola cultura, a igualdade e a valorización do patrimonio inmaterial.

A concelleira de Cultura, Xulia Dacal, sinala que "esta nova edición permite continuar poñendo en valor as historias das mulleres e achegar á sociedade experiencias que forman parte da nosa identidade e do noso patrimonio colectivo".
Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Patricia Hermida, destaca que "recoñecer o papel das mulleres do rural significa tamén visibilizar unha parte fundamental da nosa historia social e cultural, dando o protagonismo que merecen as súas experiencias e achegas".
O tenente de alcalde, Alberte Lamazares, anima «ás mulleres a participar e contribuír coa súa propia historia á construción dunha memoria colectiva que nos permita coñecer e valorar mellor o noso pasado».
PUBLICIDADE
As participantes deberán presentar unha fotografía antiga, anterior a 2003, xunto cunha recreación actual realizada no mesmo lugar, establecendo así un diálogo entre pasado e presente.
O prazo de presentación estará aberto ata o 15 de outubro ás 23:59 horas. As propostas poderán enviarse ao correo biblioteca@rodeiro.gal ou entregarse no Centro Cultural Municipal «Manuel Lamazares».
PUBLICIDADE
A votación desenvolverase do 20 ao 30 de outubro e o fallo terá lugar o 8 de novembro. O certame contará con tres premios, dotados con 100, 75 e 50 euros en vales para o comercio local.
Con esta cuarta edición, o Concello de Rodeiro reafirma o seu compromiso coa igualdade, a cultura e a preservación da memoria colectiva, dando continuidade a unha iniciativa que busca conectar xeracións a través da fotografía.









Comentarios