top of page
Foto del escritorecosdacomarca

Rodeiro mellora accesos a tres núcleos do rural grazas a unha achega de 48.000 euros da Diputación

Laura Moure/Rodeiro

A colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Rodeiro fixo posible a renovación dos accesos ao núcleo da Eirexe, na parroquia de Pedroso, así como á parroquia de Santa Mariña de Pescoso. Ademais, pavimentouse o camiño de Leboro, un lugar da parroquia de Río que dá acceso tanto ao núcleo de vivendas como a unha canteira. Os deputados provinciais Santos Héctor e Manuel González interesáronse por estas actuacións, que se levaron a cabo grazas a un investimento de 48.000 euros no marco do Plan Concellos. Na visita, realizada durante esta mañá, estiveron acompañados polo novo alcalde cambote, Rubén Perfecto, e o concelleiro de Medio Rural, José Manuel Fernández.

Héctor, Quintá, Fernández e González, esta mañá, en Rodeiro.


Para o deputado de Cooperación "os accesos son unha das cousas máis importantes para os núcleos do rural xa que melloran a vida das súas veciñas e veciños. Para a Deputación investir no rural é apostar pola provincia; para a Deputación cada recuncho é igual de importante, porque só así seremos quen de loitar contra o despoboamento", incide, Exemplo disto son as actuacións levadas a cabo ao abeiro do Plan Concellos en Rodeiro que poñen de manifesto que "estamos comprometidos coa xente que opta por vivir no rural", destacou Santos Héctor.


O deputado agradeceu ao equipo de goberno de Rodeiro o seu esforzo por materializar os fondos que achega a Deputación en obras beneficiosas para a veciñanza: "o Concello é quen coñece realmente as necesidades e o tipo de actuacións que hai que realizar". Neste senso, destacou a importancia do Plan Concellos, "un instrumento áxil, que supón achegar fondos de maneira regrada, con independencia da cor política das Alcaldías, e que se traduce en avance social".


Pola súa banda, Rubén Perfecto aproveitou a ocasión para agradecer á Deputación de Pontevedra os investimentos realizados no concello. Destacou que se trata dun territorio "moi disperso e con moitos quilómetros de asfalto polo que sen a colaboración da Deputación sería imposible atender a toda a veciñanza".

Durante a visita comprobáronse os resultados da mellora dos accesos a Pedroso e Santa Mariña de Pescoso, que presentaban un deterioro importante no seu pavimento, acrecentado polo envellecemento, o tráfico e os axentes meteorolóxicos. Pola súa banda, no lugar de Leboro o Plan Concellos permitiu a actuación nun tramo que conecta coa estrada provincial EP-6201 e que discorre en rampla cunha importante pendente, polo que presentaba dificultades de adherencia.

A Deputación de Pontevedra leva investidos máis de 4,5 millóns de euros en Rodeiro dende o cambio no goberno provincial no ano 2015. Neste tempo, o Concello puido acometer 22 obras financiadas polo Plan Concellos. Entre elas destacan a construción dun edificio polivalente para uso asistencial e a urbanización da praza de Oseira e a "envolvente". Ademais, contou con outra achega de 350.000 euros do Plan de Reequilibrio para financiar a mellora do pavillón e o ximnasio municipais. O Concello tamén puido contratar a 104 persoas desempregadas para traballar en servizos municipais con financiamento da Deputación.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page