Rodeiro impulsa a RPT para modernizar a organización e reforzar os servizos públicos
- Laura Moure

- 18 jul
- 3 min de lectura
Laura Moure/Rodeiro
O Concello de Rodeiro deu onte un novo paso no proceso de elaboración da súa Relación de Postos de Traballo (RPT) e do novo Organigrama municipal coa celebración dunha reunión de traballo na que se analizaron os avances realizados e se estableceron as liñas técnicas que guiarán a redacción deste documento estratéxico para a organización da administración local.
Esta iniciativa está a ser impulsada polo alcalde en funcións, Alberte Lamazares, e pola concelleira de Traballo, Begoña Vázquez, dentro do compromiso do Goberno municipal por dotar ao Concello dunha estrutura organizativa moderna, eficiente e adaptada ás necesidades actuais da veciñanza. Na reunión participou tamén Noemí, integrante do equipo técnico que colabora na elaboración da Relación de Postos de Traballo.

A reunión desenvolveuse nun clima de colaboración e entendemento, permitindo avanzar de maneira significativa no desenvolvemento desta iniciativa. Durante o encontro acordouse dar continuidade aos traballos de elaboración da Relación de Postos de Traballo e do novo Organigrama municipal, fixando as vindeiras datas de traballo e o calendario das seguintes fases do proceso, co obxectivo de seguir avanzando na súa redacción e futura implantación.
Durante o encontro abordáronse os criterios que rexerán a elaboración da RPT, un instrumento fundamental de ordenación e planificación dos recursos humanos que permitirá definir de maneira obxectiva a estrutura organizativa do Concello, así como as características esenciais de cada posto de traballo, as súas funcións, responsabilidades, requisitos e sistemas de provisión, de acordo coa normativa vixente.
"Dende o Concello impulsamos esta iniciativa coa finalidade de dotar á administración municipal dunha organización máis moderna, eficiente e adaptada ás necesidades actuais do municipio. A elaboración da RPT permitirá racionalizar a estrutura organizativa, optimizar a distribución dos recursos humanos, reforzar a coordinación entre os distintos servizos municipais e dispoñer dunha ferramenta de xestión que facilite a planificación e a toma de decisións en materia de persoal", recalca.
PUBLICIDADE
Así mesmo, a elaboración do novo Organigrama municipal contribuirá "a definir con maior claridade a organización interna do Concello, establecendo as relacións funcionais e xerárquicas entre as distintas áreas e departamentos. Todo isto permitirá consolidar unha administración máis eficaz, flexible e preparada para responder ás demandas presentes e futuras da cidadanía".
A Relación de Postos de Traballo, explica, "constitúe, ademais, unha ferramenta imprescindible para garantir unha xestión transparente, ordenada e eficiente dos recursos humanos, favorecendo a adecuación dos postos ás funcións que realmente se desenvolven e contribuíndo á mellora continua do funcionamento da administración local".
O alcalde en funcións, Alberte Lamazares, destaca que “a elaboración da RPT supón un paso decisivo para seguir construíndo un Concello máis moderno, organizado e preparado para responder con maior eficacia ás necesidades da veciñanza. Queremos unha administración que conte cunha estrutura clara, eficiente e capaz de afrontar os retos do presente e do futuro.”
Pola súa banda, a concelleira de Traballo, Begoña Vázquez, sinala que “o avance acadado na reunión de hoxe (por onte) e a planificación das vindeiras fases permiten continuar este proceso con garantías. A Relación de Postos de Traballo converterase nunha ferramenta clave para ordenar os recursos humanos con criterios de obxectividade, transparencia e eficiencia, mellorando a organización interna e a prestación dos servizos públicos.”
PUBLICIDADE
"Dende o Goberno municipal seguimos impulsando medidas que contribúan á modernización da administración local e á mellora continua dos servizos públicos. A elaboración da Relación de Postos de Traballo e do novo Organigrama municipal supón un paso estratéxico para dotar ao Concello de Rodeiro dunha estrutura máis eficiente, organizada e adaptada aos retos actuais, reafirmando o compromiso do equipo de goberno cunha xestión responsable, transparente e centrada na prestación dun servizo público de maior calidade para toda a veciñanza".
E salienta que esta actuación enmárcase na vontade do Concello de Rodeiro de continuar avanzando cara a unha administración máis profesional, moderna e preparada para afrontar os desafíos do futuro, situando a boa organización interna como un dos piares fundamentais para ofrecer uns servizos públicos cada vez máis eficientes e próximos á cidadanía.








Comentarios