top of page

Rodeiro esixe á Xunta un trato xusto para os concellos rurais para financiar a atención á infancia

O Concello denuncia "que a suposta gratuidade do servizo está a ser sufragada na maior medida polas arcas municipais" e reclama unha escola da rede Galiña Azul ou a integración do PAI no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar


Ecos da Comarca/Rodeiro

O Goberno de Rodeiro reclama á Xunta que poña fin á discriminación dos concellos rurais no financiamento da atención á infancia de 0 a 3 anos. Este Concello denuncia que "a suposta gratuidade do servizo está a ser sufragada na maior medida polas arcas municipais" e reclama unha escola da rede Galiña Azul ou a integración do PAI no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Estas declaracións son realizadas por Alberte Lamazares, alcalde en funcións de Rodeiro, e Patricia Hermida, concelleira de Igualdade, quen trasladan a preocupación do Goberno municipal pola "situación de discriminación que sofren os concellos rurais no financiamento da educación infantil de 0 a 3 anos".

O alcalde en funcións, Alberte Lamazares, e a concelleira de Igualdade, Patricia Hermida, queren trasladar a preocupación do Goberno municipal pola situación de discriminación que sofren os concellos pequenos e rurais no financiamento da atención ás crianzas de 0 a 3 anos. "Unha situación que se produce coa conivencia do PP de Rodeiro, que rexeitou da man da súa voceira, Cati Somoza, a proposta formulada polo Goberno municipal para reclamar que a Xunta asuma os custos do funcionamento do PAI".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Mentres a Xunta de Galicia, apuntan, "presenta como universal e gratuíta a educación infantil nesta etapa, a realidade dos Puntos de Atención á Infancia (PAI) é moi distinta". No caso de Rodeiro, explican os concelleiros que "a achega da Xunta non chega sequera ao 25% do custo real do servizo, obrigando ao Concello a asumir con recursos propios unha competencia que corresponde á administración autonómica, cuns orzamentos que son insuficientes e lle minguan a capacidade de acción noutras áreas".


Esta desigualdade, salientan, "resulta aínda máis evidente se se compara a situación de Rodeiro coa doutros concellos limítrofes de características semellantes, como Antas de Ulla e Taboada, que contan cunha escola infantil pública da rede Galiña Azul financiada integramente pola Xunta de Galicia. Mentres nestes municipios a Administración autonómica asume o 100 % do custo do servizo, en Rodeiro o Concello vese obrigado a soportar a maior parte do financiamento do PAI, xerando unha evidente discriminación territorial entre concellos da mesma categoría".


O Goberno municipal tamén considera necesario aclarar que o proxecto de Real Decreto anunciado polo Goberno do Estado responde a unha reivindicación das profesionais e dos profesionais da educación infantil: a redución das ratios nas aulas de 0 a 3 anos. A atención de oito bebés menores dun ano, 13 crianzas de entre un e dous anos ou 20 crianzas de entre dous e tres anos por unha única persoa adulta non garante nin o benestar da infancia nin unhas condicións laborais dignas. "Reducir as ratios non significa limitar o acceso ao servizo, senón incrementar os recursos humanos necesarios para ofrecer unha atención educativa de calidade e non simplemente asistencial".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Así mesmo, o Concello considera que a gratuidade do servizo debe ser real e efectiva. "Se ás familias se lles solicita achegar determinados materiais é porque a Xunta non está asumindo o financiamento que lle corresponde. A Administración autonómica debería garantir unha escola infantil pública da rede Galiña Azul en Rodeiro ou, no seu defecto, financiar integramente o funcionamento do PAI, asumíndoo a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar", recalca.


O Goberno de Rodeiro lembra que a creación e o sostemento das prazas públicas de educación infantil de 0 a 3 anos son competencia da Xunta de Galicia. "Neste contexto, resulta especialmente preocupante que a administración autonómica rexeitase 22 millóns de euros destinados á creación de novas prazas públicas de escolas infantís no ano 2025, procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea, mentres agora solicita fondos".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

O Goberno municipal reitera o seu compromiso coa defensa dos intereses da veciñanza de Rodeiro e continuará reclamando ante as administracións competentes os recursos necesarios para asegurar un servizo público de atención á infancia de calidade, universal e verdadeiramente gratuíto. 


Alberte Lamazares e Patricia Hermida fan un chamamento ao PP de Rodeiro "para que deixe a un lado os intereses partidistas e se sume á defensa dos intereses dos veciños e veciñas do municipio, reclamando á Xunta un trato xusto e igualitario para Rodeiro".

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page