top of page

Rocío Seijas impugna a aprobación dos Orzamentos de Monterroso "por non respectar as garantías legais"

O goberno local sinala que "está aprobado, polo que continúa os trámites legais preceptivos" e acusa á edil de querer "bloquear o avance do pobo"


Ecos da Comarca/Monterroso

A exalcaldesa de Monterroso e concelleira de Independentes por Monterroso, Rocío Seijas, anunciou onte a impugnación do acordo de aprobación dos Orzamentos Municipais ao considerar que o procedemento seguido para a súa aprobación "non respectou as garantías legais e democráticas que deben presidir a actuación de calquera administración pública".

A edil quere deixar claro desde o primeiro momento que a impugnación non cuestiona o contido dos Orzamentos, nin as partidas económicas que conteñen, senón a forma na que o alcalde decidiu tramitar o acordo máis importante de toda a lexislatura. "Este recurso non pretende reabrir un debate político sobre os Orzamentos. O que pretende é defender un principio básico nun Estado de Dereito: que a legalidade se cumpra e que as regras sexan iguais para todos. A democracia non consiste só en votar; consiste tamén en respectar o procedemento que garante os dereitos de todos", recalca.


Segundo explica a exalcaldesa, o Pleno ordinario tiña unha data preestablecida. "Con todo, o alcalde decidiu non convocar esa sesión, deixou transcorrer o prazo legal e, unha vez recibiu a comunicación fidedigna de que a concelleira se atoparía fóra do termo municipal e non podería asistir, convocou finalmente o Pleno fóra de prazo. Os feitos son obxectivos. O alcalde coñecía oficialmente a miña ausencia antes de convocar o Pleno. A pregunta que segue sen resposta é moi sinxela: por que non convocou o Pleno cando correspondía? Que impedía cumprir o prazo legal? E por que decidiu convocar precisamente o Pleno máis importante da lexislatura despois de coñecer oficialmente que un concelleiro da oposición non podería asistir?", recalca Seijas.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

A concelleira lembra que estes feitos se producen despois de tres anos nos que o goberno municipal "foi incapaz de aprobar uns Orzamentos, mantendo ao Concello nunha situación de bloqueo político e institucional". "Durante tres anos non houbo Orzamentos. Durante tres anos non existiu ningunha urxencia que impedise esperar uns días máis. Por iso resulta difícil comprender que a única data que parecía inaprazable fose precisamente aquela na que o alcalde coñecía oficialmente a miña ausencia. Se realmente o único interese era aprobar os Orzamentos con todas as garantías, abondaba con agardar uns días. Non o fixo. Esa decisión foi exclusivamente súa".


Para a exrexedora, o problema transcende "o ámbito xurídico e afecta directamente á confianza dos veciños nas institucións". "Un alcalde non está para buscar o límite da legalidade nin para adoptar decisións que poidan proxectar dúbidas sobre a imparcialidade da institución. Está para garantir que todos os procedementos se desenvolvan con absoluto respecto á lei, aos prazos e aos dereitos de participación de todos os concelleiros. Esa é a súa primeira obriga institucional".


Ao seu xuízo, a controversia actual non nace da impugnación, senón das decisións adoptadas pola Alcaldía. "Se o Pleno se tivese convocado en prazo e con todas as garantías, hoxe non existiría ningún recurso. O problema non é que a oposición exerza un dereito recoñecido pola lei nin que cumpra coa súa obriga de controlar a acción do goberno. O problema é que o alcalde, podendo evitar este conflito, decidiu actuar doutro xeito e puxo en cuestión a seguridade xurídica do acordo máis importante de toda a lexislatura".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.

A exalcaldesa considera que esta impugnación non pode analizarse como un feito illado, "senón como a consecuencia dunha forma de gobernar que levou ao Concello a unha situación de bloqueo durante os últimos anos". "A parálise política destes tres anos non pode desembocar agora en decisións que xeren dúbidas sobre o procedemento seguido para aprobar o acordo máis importante do mandato. Os veciños non merecen un Concello bloqueado durante anos e que, cando por fin se aproban os Orzamentos, estes nazan

envoltos nunha controversia que podía evitarse".


Finalmente, a edil responsabiliza politicamente ao alcalde da situación e reclama explicacións públicas. "Despois de tres anos sen Orzamentos, os veciños esperaban un goberno capaz de ofrecer estabilidade, seguridade xurídica e confianza nas institucións. O que atoparon foi un procedemento cuestionado que obrigou a acudir á vía da impugnación. Esa non é a consecuencia da actuación da oposición; é a consecuencia das decisións do alcalde. Quen tiña a responsabilidade de evitar este conflito era el".


Comunicado do equipo de Goberno

O equipo de goberno de Monterroso envíou onte o seguinte comunicado:

"Ante as últimas manifestacións feitas públicas pola concelleira de IXM Rocío Seijas temos que aclarar:

  • O presuposto municipal para o ano 2026 está aprobado, polo que continúa os trámites legais preceptivos.

  • As contas foron votadas a favor pola maioría absoluta do Pleno, incluído o voto a favor do outro membro de IXM; o mesmo que votou sobre a celebración do pleno ordinario.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Estamos ante un vulgar intento de retrasar a entrada en vigor dos presupostos, pero a presentación do recurso anunciado por Rocío Seijas non impide en absoluto continuar coa tramitación do expediente nos prazos establecidos pola lei. Isto o que demostra é que a esta señora en absoluto lle importa Monterroso. O único que lle importa é chegar ao poder a toda costa como xa ten demostrado cando traizoou ao seu cabeza de lista. Esta señora non ten nada que ofrecerlle a Monterroso. Esta actitude deixa á vista que o único que lle interesa é bloquear o avance do pobo e evitar que a vila progrese, usando burdos argumentos e chegando incluso a mentir dicindo que se ausentaba do termo municipal (cando xa non reside no mesmo) e incluso da autonomía ata despois do día seis, cando foi vista nas festas de Guntín o día 4 e estivo nunha comida en Monterroso o día 5. Con este proceder está claro que Rocío Seijas pouco lle pode aportar a Monterroso", acusa o goberno local liderado polo popular Eloy Pérez.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page