Será o venres 7 de febreiro
Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura de Arzúa continúa levando a cabo os actos da nova programación que artellou para os primeiros meses de baixo o título de Encontros culturais de inverno que pretende ser un lugar de encontro para as noitiñas de inverno con cine, música, literatura e actividades nas parroquias, entre outras propostas dirixidas a públicos de todas as idades. Esta inédita programación contará este venres, día 7 de febreiro, cun acto de presentación do libro Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos, premio Antón Losada Diéguez de Investigación 2022.

Roberto Mera narra neste libro a extraordinaria odisea iniciada o 18 de xullo de 1936 polo seu tío bisavó, recuperando para a historia a proeza dun home íntegro e entregado aos demais.
Publicidade
Alejandro Viana organizou dende Francia a saída de miles de refuxiados nunha trintena de expedicións marítimas colectivas a distintos países de América, na súa maioría a México, arriscando a súa vida para continuar axudando aos exiliados até chegar a ser acosado pola Falange e a Gestapo. Roberto Mera Covas, natural de Ponteareas, é licenciado en Dereito e Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela. É avogado e politicólogo.
O acto terá lugar este venres ás 20:30 horas na Capela da Madanela, a entrada será libre e de balde ata completar a capacidade.
Publicidade
O concelleiro de Cultura, José Luís García, anima a asistir a esta presentación “porque ademais de falar do propio libro, a presentación estará acompañda de moitas imaxes e algún audiovisual que farán máis visible a vida de Alejandro Viana que, como moitas outras, pasou descoñecida ao longo do tempo. Alégrame que este acto serva tamén para facer algo de xustiza e dar a coñecer a súa historia”.
Comments