O alcalde do municipio presentou onte a cita en Lugo
Laura Moure/Arzúa
A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, presidiu este martes co alcalde de Arzúa, Xoan Xesús Carril, a Xunta Local de Seguridade do municipio, que esta fin de semana acolle a tradicional Festa do Queixo, unha festividade na que a subdelegada convidou a participar “pero respectando sempre as medidas de seguridade e as indicacións da organización para que todo discorra con normalidade”.

María Rivas aproveitou a ocasión para felicitar ao Concello pola consolidación desta festa como un referente en toda a provincia e no resto da comunidade, así como unha cita ineludible para as persoas que gustan do queixo. “Son 50 anos dun evento que coordina tradición e modernidade e que, un ano máis, volve dar especial protagonismo ás mulleres, non xa só por ter a Lucía Freitas como pregoeira, senón tamén pola homenaxe que se lle rende as mulleres queixeiras, que protagonizan o cartel, e pola incorporación como novidade nesta edición dun faladoiro de mulleres e queixo”, indicou.
A subdelegada e o alcalde, acompañados dos representantes das Forzas e Corpos de Seguridade e da Policía Local, repasaron os datos de seguridade do municipio, “un concello seguro, como demostra a súa taxa de criminalidade (23,1 delitos por mil habitantes), que está 12,2 puntos por baixo da media de Galicia, que é a terceira comunidade máis segura do Estado”, indicou Rivas, que tamén destacou o feito de que a taxa arzuá é menos da metade da media estatal (50,6 puntos).
Publicidade
Rivas indicou que estes datos son froito do bo traballo e da colaboración das Forzas e Corpos de Seguridade e da Policía Local, que animou a seguir reforzando. Tamén destacou a boa acollida do Plan Director para a Convivencia Escolar no concello, no que participaron 3 dos 4 centros escolares do municipio o pasado curso e nos que se desenvolveron un total de 18 actividades nas que participaron 568 persoas, entre alumnado e profesorado. Nelas abordáronse temas como o acoso escolar, a violencia de xénero, o consumo de drogas e alcol ou o uso das novas tecnoloxías. En canto ao dispositivo de seguridade pola Festa do Queixo, a subdelegada mostrou a completa colaboración por parte da Subdelegación do Goberno para que durante as 3 xornadas da celebración refórcese a presenza da Garda Civil e da Garda Civil de Tráfico, que xunto cos efectivos do posto, os axentes de seguridade privada e membros de Protección Civil, traballarán conxuntamente para garantir a seguridade deste evento.
VioGén
A subdelegada e o alcalde de Arzúa tamén analizaron os datos proporcionados polo sistema de protección de vítimas VioGén na provincia da Coruña, que conta na actualidade con 2.683 casos activos de violencia de xénero. “Detrás de cada un destes casos hai unha muller que é unha prioridade para o Goberno. Todo o traballo é pouco para garantir a súa protección”, apuntou Rivas, que incidiu en que a colaboración e a coordinación por parte de todas as institucións é indispensable na loita contra a violencia de xénero.
A subdelegada destacou que Arzúa é un dos 52 concellos que conta cunha Mesa de Coordinación Interinstitucional Contra a Violencia de Xénero e, neste sentido, aproveitou para informar o alcalde sobre todas as posibilidades que brinda o sistema de protección de vítimas VioGén e animou aos concellos da provincia con Policía Local a sumarse, como xa o fixeron na provincia da Coruña 27 concellos, máis 8 que se atopan en proceso de inclusión. A subdelegada lembrou que o Concello de Arzúa recibiu desde o ano 2018 a cantidade de 26.203,23€ no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o desenvolvemento de actividades para a prevención e sensibilización nesta materia. “Todas as administracións e institucións temos que traballar da man para conseguir poñer ao dispor das vítimas todos os recursos necesarios para axudalas a saír desa situación e garantirlles o dereito únaa vida sen medo, a elas e as súas familias” concluíu Rivas.
Por outro lado, o alcalde de Arzúa, Xesús Carril, viaxou ata Lugo para presentar a 50ª edición da Festa do Queixo, un evento que se consolidou como unha das citas máis importantes da gastronomía e da cultura galega. Na cidade lucense, foi acompañado por Rubén Arroxo, tenente de alcalde do Concello de Lugo, e Maite Ferreiro, concelleira de Cultura do Concello de Lugo, nunha presentación que tivo como obxectivo convidar aos lugueses e a toda Galicia a formar parte deste aniversario tan especial.

A Festa do Queixo, que se celebrará do 14 ao 16 de marzo en Arzúa, continúa crecendo e
consolidándose como un evento aberto e para todas as idades. Neste ano, a organización
quere destacar que se trata dunha celebración pensada para que poidan participar tanto os máis pequenos como os maiores, con actividades e propostas para todos os públicos.
Xesús Carril subliñou: “Neste aniversario tan importante, queremos que todo o mundo, de
calquera idade e de calquera parte de Galiza, se sinta benvido a Arzúa. A Festa do Queixo
é un evento para compartir, para vivir a tradición e para disfrutar da nosa cultura xuntos.”
A 50ª Festa do Queixo ofrecerá un programa variado, con gastronomía, música e actividades culturais para todos, destacando tamén a súa accesibilidade, coa entrada libre
e sen aforo a todos os concertos.
Yorumlar