Recibíronse un total de 107 avisos procedentes de 29 parroquias, o que segue a indicar o alto nivel de participación e concienciación do sector agrograndeiro deste municipio
Laura Moure/Silleda
A primeira fase de recollida de plásticos agrícolas e de invernadoiro deste ano en Silleda remataba a semana pasada cun novo alto índice de participación. En total, nesta primeira fase retiráronse 44.740 kilos de plásticos, que foron recollidos en diversas parroquias por operarios da empresa SIMA, que colabora co programa municipal posto en marcha polos departamentos e Medio Ambiente e Medio Rural.
En total recibirónse 107 avisos procedentes de 29 das 33 parroquias do termo municipal.
Por número de explotacións, as parroquias con máis volumen de plástico recollido foron Escuadro (con 14 explotacións participantes); seguida de Laro, con 11, Parada con sete; Cortegada e Cervaña, con seis respectivamente; Moalde, Oleiros e Refoxos, con cinco en cada caso, e Cira con catro.
“Dende o Concello queremos agradecer unha vez máis a excelente colaboración de todas as persoas usuarias, para poder realizar con éxito primeira fase coa colocación dos plásticos en lugares adecuados, limpos de terra e outros materiais e sobre todo seguindo as indicacións dadas de non metelos nas sacas de big bag, que desta vez se cumpliu prácticamente ao 100%”, indica o concelleiro de Medio Rural, Jesús Taboada. “Os gandeiros e agricultores de Silleda volven demostrar unha vez máis a súa veteranía no xeito de proceder, xa que cada vez participan máis nestas campañas o que demostra o nivel de concienciación", engade o edil lembrando que as explotacións se veñen desprendendo aproximadamente de unha tonelada de plástico por ano.
A segunda fase terá lugar como vén sendo habitual no outono, arredor do mes de outubro. Este servizo, gratuíto para as persoas usuarias, vénse desenvolvendo con notable éxito dende o ano 2008, retirándose unha media de 100.000 quilos ao ano de plásticos agrícolas e de invernadoiros.E sta iniciativa foi unha medida de gran acollida veciñal, evitando a acumulación duns plásticos que, metidos en terra tardarían 500 anos en degradarse. Ao mesmo tempo evítase o impacto visual e recíclase o material. Tamén hai que ter en conta, en canto ás vantaxes medioambientais que para fabricar un quilo de plástico deste tipo se emitan 2,7 metros cúbicos de CO2 á atmosfera.
Comments