top of page

Retirada de especies exóticas invasoras do Ulla en 9 concellos, entre eles Cruces, Silleda e Touro

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Esta actuación enmárcase no proxecto Mil Ríos, cuxo obxectivo é restaurar os ámbitos fluviais, incrementar a biodiversidade e optimizar a conectividade ecolóxica


Laura Moure/Xeral

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor a boa evolución das obras de recuperación, restauración e mellora da resiliencia das marxes do río Ulla que conta xa con máis do 60% da superficie mellorada.

Durante unha visita á marxe deste río no concello da Estrada, a conselleira explicou que, cun orzamento de máis de 220.000 euros, estase a restaurar a vexetación de ribeira coa retirada de especies exóticas invasoras, como a acacia negra, falsa acacia e mimosas, en 11 tramos do curso fluvial, que discorre por nove concellos das provincias da Coruña -Padrón, Teo, Vedra, Boqueixón e Touro- e Pontevedra -A Estrada, Pontecesures, Vila de Cruces e Silleda-. A maiores, a conselleira lembrou que se construirá unha nova estación de seguimento de peixes migradores na presa de Couso.

Esta actuación enmárcase no proxecto Mil Ríos, unha iniciativa posta en marcha polo Goberno galego co obxectivo de restaurar os ámbitos fluviais, incrementar a biodiversidade e optimizar a conectividade ecolóxica, cun investimento global de 5 millóns de euros de fondos europeos.

Máis polo miúdo, Ángeles Vázquez subliñou que os traballos, cuxo prazo de execución remata en 2024, pretenden controlar as especies exóticas invasoras; revitalizar a vexetación natural; recuperar a continuidade fluvial, evitando a compartimentación e illamento das poboacións piscícolas; mellorar os hábitats fluviais; seguir e testar as especies migradoras e protexer os ámbitos fluviais de alto valor ecolóxico.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

Cómpre lembrar que a nosa Comunidade conta con máis de 31.000 quilómetros de ríos, cun alto valor ecolóxico que enriquecen os valores naturais e paisaxísticos de Galicia. De feito, os corredores fluviais constitúen un dos principais reservorios de diversidade de especies silvestres de flora e fauna de Galicia.mCon esta iniciativa, a Xunta pon en valor o papel identitario das arterias naturais de Galicia, responsables de transportar nutrintes, suavizar o clima galego e vertebrar o territorio. Ademais, o impulso por esta iniciativa leva aparellada outros beneficios, como é o impulso do emprego verde e o turismo sustentable.



Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page