"Alguén que gobernou ininterrompidamente durante 30 anos nas Cruces, e estando o concello na situación na que está, non está para darnos leccións gratis nin cobradas de nada", sinala o BNG
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
Hai uns días o PP de Vila de Cruces criticaba a labor do BNG da localidade."Que o BNG se deixe de chiquilladas e póñase a practicar a política útil: a de construción e unión". Ante estas declaracións o partido nacionalista pronúnciase e tamén cuestiona o mandato dos populares durante décadas no municipio.
"Alguén que gobernou ininterrompidamente durante 30 anos nas Cruces, e estando o concello na situación na que está, non está para darnos leccións gratis nin cobradas de nada", recrimina. E engade que "intenta opoñer a súa política de “adulto” fronte ás “chiquilladas” do BNG e pídenos que fagamos política útil: de construción e unión e votando a favor dos investimentos que benefician á cidadanía. Resulta paradoxal que nos fale de construción e unión cando o actual goberno é produto da desunión do PP cuxas desaveniencias foron, precisamente, a “construción”, e peguntámonos se hai un ano, cando o PP votou en contra dun investimento nas Cruces de case 500.000 euros tamén foi unha política de chiquilladas, neste caso do PP. Recordámoslle que o BNG votou a favor".

E sinala que está "algo equivocado ao respecto de que o BNG son os do non. Que revise os acordos parlamentarios e incluso o plenarios mentres gobernaban en Vila de Cruces, e verán que quen se está convertendo no partido do non é o PP, sobre todo cando o BNG fai propostas en beneficio da poboación galega, por exemplo ter unha tarifa eléctrica galega que nos compense por ter que asumir os custes ambientais, sociais e de saúde da proliferación de parques eólicos para abastecer a outras comunidades".
Ademais, o partido naciolista incide en que "o actual goberno está en minoría porque así decidiu que quería gobernar. Para chegar a acordos hai que dialogar. O BNG está e sempre estivo á súa disposición para chegar a acordos, como o fixemos cando presentou a Rúa Vázquez, mais o goberno municipal rexeita o diálogo e opta pola imposición, chantaxeándonos coa perda de investimentos se non apoiamos todo canto trae a pleno, en lugar de aportar diferentes alternativas, e facendo oídos xordos ás nosas propostas apoiadas na consulta pública, á cal por certo, cando o desgoberno convocou a reunión veciñal para presentar o proxecto da Rúa, non vimos a ningún membro do Partido Popular para dar a cara diante da veciñanza, e o BNG estivo presente con todo o grupo, curioso tamén. Todo ten un límite. A perda de investimentos por eludir a responsabilidade de chegar a acordos será culpa do goberno, non é responsabilidade do BNG".
E por último en relación a estas palabras sinala que "o que si é irresponsable é apostar, ou o que é o mesmo, absterse, nunha inversión que pode mudar o futuro da nosa vila cando non se está dacordo co proxecto, e case un ano despois pedir modificacións, dándolle manga ancha ao señor Taboada cando o proxecto foi a pleno. Pero claro agora o Partido Popular prefire que se faga algo mal, como fixeron cos centos de miles de euros invertidos nun matadoiro de polos que xa hai anos está en ruinas sen ser nin tan sequera rematado, a non facer nada como fixeron nos seus últimos anos de mandato".
O legado de Hilgen
Por outra banda, en relación ao legado Hilgen, recalcan que "os datos que poidamos manexar dende o BNG son os mesmos que poden manexar vostedes, xa que son públicos. Tamén dicir que o oscurantismo co que manexan a información, xogando ca ambigüidade, pode correr na súa contra, xa que no seu comunicado, cando deixan caer a relación da desaparición do material cunha persoa que vostedes mesmos puxeron a dedo para dirixir o museo da minería de Fontao, deberían ser quen de nomear a que partido se pasou a formar parte, porque ao BNG seguro que non. E tamén lles recomendamos que cando fagan unha suposta acusación así, teñan coidado porque se cadra os que delatan ter información que outros descoñecemos son vostedes. Dende o BNG tan só queremos que esta situación se esclareza, e absténdose como fixeron vostedes o único que demostran é querer escorrer o bulto".
NOTICIA RELACIONA:
Comentários