Restaurante La Molinera gaña o XV Deztápate nunha edición na que se serviron 4.156 tapas
O público concedeulle a Siglo XXI Tapería Bar o segundo premio e a Pensión Las Palmeras o terceiro
Laura Moure/Deza
O Restaurante La Molinera de Lalín proclamouse gañador da décimo quinta edición do concurso de tapas “Deztápate”, organizado pola Asociación de Empresari@s de Deza (AEDEZA). A súa tapa “Champiñón x 4” fíxoo merecedor do primeiro premio outorgado polo público e consistente nun diploma e un ano da cota de asociado da AEDEZA gratis.

No acto de entrega de premios celebrado este luns na sede da asociación, o presidente da AEDEZA, Ramiro Mejuto, fixo entrega do primeiro premio e foi tamén o encargado de anunciar que Siglo XXI Tapería Bar, resultou merecedor do segundo premio coa súa tapa “Pink Panther”, seguido de Pensión Las Palmeras, en terceiro lugar, coa súa tapa “Follas de Bifana”. Nestes casos, o segundo premio consistiu nun diploma e seis meses da cota de asociado gratis e o terceiro, nun diploma e tres meses da cota de asociado gratis.
PUBLICIDADE
Na súa intervención, Ramiro Mejuto lembrou que nesta décimo quinta edición participaron 10 establecementos, dos cales oito eran de Lalín, un de Vila de Cruces e un de Rodeiro. Entre todos, durante os 11 días nos que se celebrou o concurso, serviron un total de 4.156 tapas, xerando un volumen de negocio de 12.588 euros só polas tapas vendidas.
Segundo indicou o presidente, a media global de tapas servidas cada día do certame foi de 378, cunha media de 56 tapas diarias por cada local. En canto aos números absolutos por establecemento, oscilaron entre as 66 tapas do restaurante que menos vendeu e as 900 do que máis. Ramiro Mejuto remarcou que iniciativas como o “Deztápate” serven para “seguir demostrando que en Lalín, particularmente, e en toda a Comarca de Deza, en xeral, hai un nivel especialmente alto no sector da hostalaría e a restauración”.
PUBLICIDADE
Ademais, o presidente da AEDEZA agradeceu “a implicación e a xenerosidade” das marcas colaboradoras, como Viños Manuel Gil e Distribuciones Javier Vázquez, que achegaron os 23 agasallos sorteados entre os participantes que completaron todo o percorrido das tapas, así como do Concello de Lalín, que tamén colaborou co certame a través do convenio anual e que estivo representado pola concelleira de Promoción Económica, Emprego e Comercio, Bea Canda.









Comentarios