Logo de detectarse cadanseu positivo entre o alumnado de Silleda e o da Bandeira o pasado 31 de xullo, restrinxíranse o número de grupos
Laura Moure/Silleda
O campamento de verán do Servizo Lúdico Educativo do Concello de Silleda está xa a funcionar dende este mércores con todos os grupos previstos para este mes, despois de que a detección de senllos casos positivos por Covid entre o alumnado (un en Silleda e outro na Bandeira) obrigara a reorganizar o servizo. Todos os nenos e nenas dos grupos aos que pertenecían estes dous menores así coma os monitores e monitoras (prácticouselles PCR a todos) deron negativo.
Unha vez confirmado a principios desta semana que non se produciran contaxios e á vista dos resultados, dende o servizo retomáronse os grupos aplicando o protocolo establecido para este servizo, que este ano bateu o récord de solicitudes cun total de 99.
Obras na rede da traída de auga
Por outra banda, o Concello de Silleda, a través do servizo municipal de Augas e o departamento de Obras e Servizos, acometeu nos últimos días os traballos para levar a rede da traída municipal ao lugar de Castro, na parroquia de Manduas. Esta dotación estaba xa contemplada cando se realizou a mellora do vial que pasa pola localidade.
Os traballos consistiron na necesaria canalización da tubaxe para levar a auga ás vivendas do lugar. Na parroquia de Manduas xa se ampliara a traída no ano 2012 incorporando aos lugares de Quintela, Andamollo e Vilaverde.
A actuación súmase a outras levadas a cabo nos últimos meses para continuar ampliando a rede municipal de augas e ofertando á veciñanza un servizo básico.
コメント