Respalda as afirmacións de Troitiño nas que aseguraba que Iván Corral “ameazou a escuderías e pilotos” e que “a federación convocou e celebrou asembleas de forma totalmente irregular”
Ecos da Comarca/Deza
O grupo de traballo RenovaFGA, que traballa desde hai un ano na configuración dunha candidatura alternativa á actual presidencia da Federación Galega de Automobilismo (FGA), acusa ao presidente, Iván Corral, de “rebuscar e utilizar artimañas supostamente legais” para “forzar a inhabilitación” de Antonio Rodríguez Troitiño coa finalidade de impedir que poida presentarse ás eleccións que deben celebrarse este ano. “Iván Corral está a mover dunha forma torticeira todos os fíos que están ao seu alcance para perpetuar a súa ditadura na FGA”, aseguran.
Desde RenovaFGA critican “a actitude e os métodos antidemocráticos” de Iván Corral,
tras recibir Rodríguez Troitiño o pasado venres unha resolución do Tribunal Galego de Apelación da FGA pola que o inhabilitan para ocupar cargos públicos en organizacións
deportivas por unhas declaracións realizadas no programa Rallye Streaming o día 7 de maio de 2021. Dita resolución impútalle ao expresidente da Escudería Lalín-Deza unha “falta moi grave” por “atentar contra a dignidade e o decoro deportivo”, pola que propón sancionalo cunha inhabilitación de tres anos e seis meses; e unha “falta grave”, “pola violación de segredos en asuntos que se coñezan por razón da pertenza a calquera dos órganos da FGA”, pola que propón sancionalo cunha inhabilitación dun ano.

Desde RenovaFGA adiantan que Rodríguez Trotiño alegará contra esta resolución e recurirá ao Comité Galego de Xustiza Deportiva e respaldan “ao cento por cento” as súas afirmacións realizadas no citado programa, nas que aseguraba que Iván Corral “ameazou a escuderías e pilotos” e que “a federación celebrou asembleas de forma totalmente irregular, con convocatorias por correo electrónico sen adxuntar a documentación correspondente aos puntos a votar e sen compartir posteriormente as actas e os resultados das votacións”.
Precisamente, nunha desas “asembleas irregulares” foi nomeado o Tribunal Galego de Apelación da FGA que agora resolve a inhabilitación de Troitiño, “un órgano interno supostamente independente, pero nomeado, vinculado e teledixirido por Corral”. “A xogada está clara e consiste en pretender amordazar, calar e amedrentar a calquera que se atreva a cuestionar a Iván Corral abertamente. Para iso, a súa dona e expresidenta, Gloria de Burgos, presenta unha denuncia contra Troitiño polas declaracións realizadas en Rallye Streaming e logo, para urdir a inhabilitación, válese do nada rigoroso Tribunal Galego de Apelación, no que figuran como vogais un membro da xunta directiva da FGA, Carlos Álvarez Sindín; o xenro do propio Iván Corral, José Luis Moa Gutiérrez; e a instructora do expediente, Marta Gálvez Marquina, que curiosamente traballa como letrada no despacho Atrio Abogados, que é o que asesora legalmente á FGA”. “Así cociña Iván Corral cos recursos da federación unha inhabilitación para impedir que Antonio Rodríguez Troitiño poida presentarse ás eleccións”, enfatizan desde Renova FGA.
Secretaría Xeral para o Deporte
Tamén lembran que no seu día presentaron unha denuncia na Secretaría Xeral para o Deporte para invalidar a celebración irregular de dúas asembleas, nunha das cales foi designado este Tribunal Galego de Apelación da FGA. “En RenovaFGA agardamos que a Secretaría Xeral para o Deporte vele pola legalidade e actúe en consecuencia, co que os acordos deste Tribunal de Apelación manipulado por Corral carecerían de validez”, apuntan.
“O tempo do medo a Iván Corral xa pasou. Ao mellor funcionáballe hai 20 anos, pero os tempos cambiaron. Esto mesmo que lle está a facer a Troitiño tamén o pretende facer con Moncho Padín, a quen expedientou igualmente por expresarse en liberdade, pero desde RenovaFGA imos defender os seus dereitos e a liberdade de expresión ata as últimas consecuencias, caia quen caia. E a xente que actúa ao ditado de Iván Corral, executando as súas tropelías, é tan responsable coma el”, enfatizan.
Comentarios