top of page
Foto del escritorLaura Moure

Rematan os Seráns de Ribadiso tras oito semanas de actividades de lecer para toda a familia

Con esta iniciativa o Concello de Arzúa reafirma o compromiso coa dinamización deste espazo emblemático


Laura Moure/Arzúa

Tras 8 semanas de intensa programación, os "Seráns de Ribadiso" pechan con gran éxito de asistencia, ofrecendo unha ampla variedade de actividades de lecer para toda a familia. A reapertura do Chiringuito e a programación de actividades nesta área reafirma o compromiso do Concello de Arzúa coa dinamización deste espazo emblemático, promovendo o lecer en galego e poñendo en valor o patrimonio local.


Xoán Xesús Carril, alcalde de Arzúa, agradeceá veciñanza: "O éxito dos 'Seráns de Ribadiso' é de todas aquelas persoas que participaron e fixeron seu este espazo. Desde o Concello, seguiremos traballando para devolverlle todo o seu esplendor á área recreativa."


Publicidade

Unha programación pensada para educar a través do entretemento

Durante estes Seráns, as familias e cativos gozaron dunha programación diversa que incluíu espectáculos como Ramona Órbita, a dona do tempo, de Pakolas, onde pequenos e maiores viaxaron no tempo a través de música rock e aprendizaxes sobre o coidado do medio ambiente. Tamén destacaron actuacións como a do grupo Luar nas Augas, que animou a xornada coas súas pezas de música tradicional galega.


O Mago Teto fixo un percorrido pola historia dos antigos oficios co seu espectáculo de maxia O Camiño do Afiador, mentres que a ludoteca itinerante Eira Xandobeleira converteu Ribadiso nun espazo de xogos tradicionais, perfectos para familias de todas as idades.

A programación tamén incluíu o espectáculo musical Son Animal de Paco Nogueiras, centrado nos sons dos animais, e o humor e a maxia de Henriko o Feiticeiro con Simplemente Enricco, que encheu Arzúa de risas e malabarismos. A clausura chegou da man de Sempre Arriba, coa súa actuación Hoxe Si!, un espectáculo de circo e clown que combinou humor, música e acrobacia aérea, deixando unha onda de optimismo entre o público.


Publicidade

Este conxunto de actividades reafirma o compromiso do Concello de Arzúa coa creación de espazos  de ocio e diversión accesibles para todas as familias, reafirmándose no seu compromiso de ampliar a programación lúdica máis alá das datas e celebracións anuais, ao tempo que se aposta pola dinamización das parroquias e núcleos menos céntricos ou urbanos. "Continuaremos promovendo actividades e políticas públicas que garantan o acceso a un lecer saudábel en todo o concello, temos un núcleo urbán que xa está consolidado nesta materia, e tócanos continuar traballando para dinamizar a vida nas nosas parroquias", concluíu o alcalde.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page