Nesta edición, un total de 400 veciños participaron nestas iniciativas
Laura Moure/Melide
As Escolas Deportivas e Culturais organizadas polo Concello de Melide pechan o curso 2021-2022 na última semana de maio. Nesta edición, un total de 400 veciños participaron nestas actividades coas que se oferta anualmente un amplo programa á cidadanía.
Hoxe, venres, celébrase a clausura das Escolas Deportivas. Ás 17:00 horas terá lugar a clausura da actividade de patinaxe no Parque Rosalía de Castro, e dende as19:00 horas o polideportivo municipal acollerá o peche do resto de modalidades.

Pola súa banda, a finalización das Escolas Culturais terá lugar o domingo 29 ás 17:00 horas no Centro Sociocultural Mingos de Pita. No evento estará presente o alumnado das actividades de teatro, ballet e baile moderno. Ademais, as persoas participantes nas aulas de pintura exporán as súas obras dende o venres 27 de maio ao venres 3 de xuño no edificio multiusos.
As Escolas Deportivas contaron con 298 participantes. Destas persoas, un total de 180 ten máis de 65 anos, e outras 118 son persoas mozas e nenas e nenos. As actividades deportivas incluíron pilates, escolas de costas, tonificación, zumba, TRX, hipopresivos, ioga, aeróbic, baloncesto, fútbol sala -nas categorías de Biberón, Prebenxamín, Benxamín, Alevín, Infantil e Cadete-, patinaxe, pilates infantil, atletismo, xadrez, bádminton e xogos deportivos para nenas e nenos nados de 2014 a 2017.
Nas Escolas Culturais, participaron máis dun centenar de persoas. As actividades incluíron teatro, ballet, baile moderno, pintura, costura, fotografía, ioga infantil, bailes de salón e un clube de lectura. Ademais das actividades culturais e deportivas, leváronse a cabo actividades de memoria no Centro Social, incluíndo memoria e manualidades.
Tanto dende a Concellería de Deportes como dende a de Cultura valora "moi positivamente" a realización destas escolas. O concelleiro de Deportes, José Prado, amosouse “moi satisfeito” por un curso deportivo que operou con normalidade coa excepción dun pequeno parón, motivado pola situación Covid- 19, entre xaneiro e febreiro deste ano. “Neste curso fomos quen de retomar a actividade física con plenas garantías e unha participación moi alta, o cal supón o regreso á normalidade no ámbito deportivo”, explicou.
Pola súa banda, Mayka Basalo, edil de Cultura, destacou a gran aceptación que tiveron as
actividades culturais que se ofertaron e a normalidade no seu desenrolo.
Comments