Trátase dunha actuación realizada con fondos municipais e unha axuda da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta
Laura Moure/Silleda
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, e a concelleira de Deportes, Mónica González, revisaron as obras finalizadas da reforma completa dos vestiarios e baños destas dúas instalacións deportivas. Cun investimento de 102.729 euros, a empresa adxudicataria foi Urbanismo Técnico Sostible SL.
Trátase dun proxecto que se executa con cargo a fondos municipais e unha axuda de 50.000 euros, ao abeiro das subvencións da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal. Dita achega realizarase en dúas anualidades: 29.410 euros para o 2023 e 20.590 euros para o 2024.
Publicidade
Esta actuación complementa o acondicionamento que o Concello de Silleda leva facendo nos últimos anos no complexo deportivo formado pola Piscina municipal de Silleda, o Campo de Fútbol de Outeiriño-Joselu Mato e o Pavillón Municipal César González Fares.
No 2022 cambiouse o alumado do campo de fútbol, onde tamén se colocaron redes novas e pintáronse os muros exteriores. No 2021 renováronse os vestiarios compartidos entre o campo de fútbol e a piscina municipal , ao igual que no pavillón se apostou polas luces led e cambiáronse as cubertas laterais.
Publicidade
As dúas instalacións están conectadas ademais á Rede de Calor con Biomasa, que suministra nos dous casos auga quente sanitaria, conquerindo un maior aforro de custes.
“Con esta actuación, completamos a renovación integral das instalacións deste recinto, un dos máis utilizados do noso municipio”, sinala a alcaldesa, Paula Fernández.
Comments