Remata o primeiro mes de actividade das Escolas Deportivas e Culturais cunha participación de récord
- Laura Moure
- 7 nov 2022
- 2 Min. de lectura
Durante o mes de outubro, un total de 166 persoas asistiron ás actividades culturais e relativo ás deportivas, foron 362
Laura Moure/Melide
O primeiro mes de actividade das Escolas Deportivas e Culturais 2022-2023 do Concello de Melide chegou á súa fin "cun balance moi positivo en número de participantes e, especialmente, polo incremento nesta cifra fronte á edición do curso pasado", tal e como indica o Concello. Se daquela foran 400 as veciñas e veciños de Melide inscritos no programa, actualmente son 528 as persoas que participan nalgunha das moitas actividades ofertadas nos ámbitos cultural e deportivo.
Nas Escolas Culturais, son 166 as persoas participantes. As actividades dispoñibles son
teatro, ballet, baile moderno, cociña, cociña adultos, pintura, costura, fotografía e club de
lectura. A concelleira de Cultura, Mayka Basalo, destacou a boa acollida, un ano máis, deste programa. A edil tamén fixo referencia á diversidade de actividades e asegurou que
Melide segue a ser “un referente” na oferta de actividades culturais para que a veciñanza “amose e descubra o seu talento”.

En canto ás actividades deportivas, contan con 362 persoas inscritas que participan nas
distintas modalidades ofertadas: hipopresivos, tonificación, tonificación/TRX, deporte
combinado, escola de costas, aeróbic, zumba, bádminton, baloncesto, atletismo, fútbol
sala, Pilates, patinaxe, ximnasia. O concelleiro de Deportes, José Prado, amosou a súa
satisfacción por “ver un ano máis como se involucra a veciñanza, como o polideportivo
medrou en uso e como se promocionan valores e hábitos de vida saudables” entre a
veciñanza.
O responsable de Deportes quixo tamén destacar “o gran incremento” en uso dos
espazos deportivos melidaos. “Temos a impresión de que nos últimos tempos estamos a
conseguir que as infraestruturas deportivas do concello teñan un volume de uso sen
precedentes e ofrezan realmente a todas e todos os veciños espazos para iniciarse e
redescubrir o deporte”, engadiu.
Ximnasia por parroquias
Por outra banda, deron comezo o pasado 24 de outubro as actividades da ximnasia por
parroquias, que ofrece este servizo nos núcleos urbanos do rural melidao. Preto de
cincuenta persoas participan nestas actividades que se imparten nos locais sociais de
Moldes, San Martiño, Maceda, San Salvador, Furelos, a Garea e Grobas.
Do mesmo modo, e por segundo ano consecutivo, puxéronse en marcha os obradoiros de
memoria. A concelleira de Política Social, Carmen Liñeira, explica que esta actividade que
orixinalmente se impartía unicamente no casco urbano foi estendida ás parroquias para
garantir a igualdade de recursos e servizos para a poboación rural.
Comments