Dende o 4 ata o 10 de marzo vanse levar a cabo distintas actividades con motivo do Día da Muller
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda, a través da Concellería de Igualdade, que dirixe Ángela Troitiño, organiza do luns 4 ao domingo 10 de marzo varias actividades para conmemorar o Día
Internacional da Muller.
O programa 8M/365 comeza o luns 4 co “Paso da Igualdade”. Unha actividade na que o alumnado de sexto de Primaria do CEIP Plurilingüe de Silleda e do María Inmaculada creará un paso rodeado de regadeiras moradas en vallas das que sairán lazos brancos con mensaxes para o empoderamento da muller. Esta iniciativa farase na praza Siñor Afranio a partir das 11:30 horas.
Con esta iniciativa, dende o Concello como xa se anunciou no seu día, daráse tamén continuidade ao uso das regadeiras pola que apostaron na decoración do certame “Silleda Fai Nadal” a veciñanza do barrio das Baratas, utilizando este elemento como identificador en distintos programas ou efemérides que se celebren ao longo do ano.
Este mesmo día, de 9:20 a 11:00 horas, realizarase a primeira sesión do obradoiro “Iguais e Reais” destinado ao alumnado de 3º ESO do María Inmaculada. A segunda sesión será o día 11, para 3º ESO do instituto de Silleda.
Publicidade
O martes 5, vai ter lugar o acto de recoñecemento a Marisa Miguélez, para convertila na “(In)visible 8M” deste ano, un recoñecemento que se fará anualmente no marco do programa “(IN)VISIBLES: 12 meses, 12 mulleres”, que se está levando a cabo nas redes sociais do Concello de Silleda e na web municipal. Ademais da súa traxectoria profesional, esta distinción chega co recoñecemento público a esta artista que vén de donar unha das súas obras ao Concello de Silleda.
Publicidade
O mércores 6, o alumnado de 3º da ESO do IES Pintor Colmeiro realizará a xincana “Festexando a Igualdade”.
O xoves 7 vaise proceder a colocar unha bandeira morada e unha pañoleta na figura da Muller Labrega que hai situada na rotonda do acceso a Silleda pola N-525.
Publicidade
O programa continúa o venres 8, o Día Internacional da Muller, cun acto oficial no salón de actos do Concello no que se presentará o V Plan de Igualdade. Tamén se vai constituír o Consello da Muller, no que participarán diferentes asociacións de mulleres locais.
O programa 8M/365 péchase o domingo 10 ás 12:30 horas con “As mulleres dámos a nota”, unha actuación por parte da pianista Andrea García González na praza Siñor Afranio. Trátase dunha iniciativa na que se mestura música en directo coa intervención de mulleres que subirán ao escenario a pronunciar unha frase feminista.
Comments