Recoñecemento ás mellores explotacións de Galicia
- ecosdacomarca
- 4 ago 2024
- 2 Min. de lectura
Hai varias distincións nas comarcas
Ecos da Comarca/Xeral
A Federación Frisona Galega outorgou este martes os galardóns ás mellores explotacións de Galicia na Finca Mouriscade, situada no concello de Lalín, para promocionar e render homenaxe ao traballo dos gandeiros. Neste senso, as distincións honoríficas 2024 foron seleccionadas a partir dos datos que se recollen no control do rendemento leiteiro, do que se encargan as asociacións provinciais Africores.

Entre as máis de 60 premiadas está a vaca Rocío da gandaría Novoa SC, localizada no concello lucense de Taboada, que xerou preto de 220.000 kg de leite ao longo de toda a súa vida, e consolídase como a maior produtora “vitalicia” de toda España. Tamén se concederon distincións na categoría de mellores produtoras primeirizas 2023, onde o primeiro posto foi para a de Gandaría Zorro, de Lugo; e na de vacas de máis de dous partos que maior cantidade de leite produciron en 2023, da que foi vencedora a de gandaría Xusto, situada na mesma provincia. Esta última vaca produciu máis de 24.000 kg de leite o ano pasado, récord galego absoluto de produción de leite.
No referente ás explotacións, ofrecéronse recoñecementos: ás que obtiveron as maiores producións media por vaca, as mellores cualificacións morfolóxicas e Índices Xenéticos (ICO) máis altos. As distincións principais recaeron, respectivamente, en Gandaría Rodasinde, do Saviñao, Baixo Holstein, en Sarria, e a gandaría Abonxo, localizada en Lalín.
Todos os resultados no seguinte enlace: https://fefriga.com/
Publicidade
Os resultados favorables do sector son debidos, entre outras cuestións, á mellora xenética que se acada cos datos de control de rendemento leiteiro para o que a Consellería do Medio Rural destinou este ano un orzamento de 750.000 euros. Este beneficia a tres entidades oficialmente recoñecidas pola comunidade autónoma galega para o control do rendemento leiteiro, en concreto as asociacións provinciais Africores da Coruña, Lugo e Pontevedra.
Na resolución das axudas, que se publicou no Diario Oficial de Galicia a finais do pasado mes de maio, á Africor Lugo correspondondeu un total de 355.575 euros; á asociación da Coruña, 329.100 euros e á de Pontevedra 65.325 euros.
Publicidade
Nesta liña, as actuacións subvencionables son aquelas destinadas a comprobar sistematicamente as producións e outras aptitudes funcionais das femias reprodutoras leiteiras, para a determinación do valor xenético e os méritos ou outras capacidades dos animais, no marco dun programa de cría aprobado oficialmente para a raza.
Estas axudas veñen dar continuidade aos convenios de colaboración levados a cabo entre o Goberno galego e as asociacións de control leiteiro dende o 2010, polo que dende entón lévanse dotado case 11,4 millóns de euros para a realización de probas para determinar o rendemento leiteiro do gando vacún dentro do Programa Galego de selección e mellora da raza Frisona.
Comments