top of page

Rebeca García, fisioterapeuta e emprendedora, (in) visible do mes de setembro en Silleda

Laura Moure/Silleda

Coincidindo co Día Mundial da Fisioterapia que se conmemorou onte, día 8 de setembro, o Concello de Silleda, a través do programa (in) VISIBLES. 12 meses, 12 mulleres, dedica este mes de setembro a Rebeca García Souto, natural de Eirexe, na parroquia de Taboada e profesional da fisioterapia.

ree

Rebeca, de 38 anos, lembra unha infancia feliz xunto aos seus pais, irmáns e un primo que considera coma un irmán máis, marcada polos valores da responsabilidade e o compromiso. Estudou no CEIP de Silleda e no IES Pintor Colmeiro, e en 2005 decidiu apostar pola fisioterapia, inspirada pola experiencia vital da súa nai, que precisou rehabilitación por un grave problema de columna.


Formouse na Universidade da Coruña, onde obtivo a diplomatura en 2008. Tras sete anos de experiencia nun centro privado da Estrada, no ano 2016 puxo en marcha o seu propio proxecto: Alecrín Fisioterapia, un centro no que desenvolve dende Silleda unha práctica profesional baseada na empatía, a atención integral ás persoas e a mellora da súa calidade de vida.

Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Acompañada desde 2018 por Tania, a súa compañeira de traballo e piar fundamental do centro, Rebeca aposta por unha fisioterapia que vai máis alá do tratamento dos síntomas: un enfoque holístico, que considera ao paciente como un todo e que promove hábitos saudables, a prevención e o traballo multidisciplinar.


“O emprendemento non é doado: está rodeado de medos e dúbidas inevitables, pero poder facer o que me gusta e do xeito que me gusta, váleo todo. As persoas que confían en nós son a razón de seguir mellorando cada día”, asegura Rebeca, que o vindeiro ano celebrará o décimo aniversario de Alecrín Fisioterapia.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Con esta nova entrega do programa (in) VISIBLES, o Concello de Silleda rende homenaxe á traxectoria profesional e persoal dunha muller que representa os valores de compromiso, esforzo e dedicación, facendo visible o papel das mulleres emprendedoras e profesionais no eido da saúde.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page