Ecos da Comarca/Lalín
O candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, anuncia que recuperará a marca Se é de Lalín, é bo co obxectivo de volver poñer en valor o produto local elaborado e con orixe neste municipio.
Cuiña explica que este lema aínda é “un dos máis recoñecibles e exitosos sinais de identidade de Lalín, que beneficiou considerablemente á imaxe do noso pobo e permitiu durante anos dinamizar a actividade económica e social no pobo”.
Deste xeito, a reactivación desta marca vai ser unha das medidas vertebradoras sobre a que pivotarán boa parte das accións coas que Compromiso apoiará ao sector comercial e hostaleiro de Lalín, e que se incluirán no programa de CxL para as vindeiras eleccións municipais. Cuiña lembra que ese slogan, “que activei nada máis tomar posesión como alcalde no anterior mandato, tivo unha excelente acollida tanto dentro como fóra de Lalín”.
“Aínda a día de hoxe é un lema que se recoñece de maneira maioritaria máis alá dos límites do noso concello”, salienta o candidato, quen engade que “calou na xente, e se sigue repetindo sempre que se quere salientar a enorme calidade do produto lalinense”. “Asumiuse de maneira unánime como unha das mellores formas de trasladar as nosas potencialidades ao resto do mundo e, neste contexto, consideramos imprescindible a súa recuperación”, afirma.
Eliminar todo rastro
Con todo lamenta que, malia ao seu elevado impacto social, Crespo decidiu desbotalo nada máis regresar ao goberno. Para Cuiña foi unha “actitude inexplicable” e que "tan só se pode entender dende o punto de vista de quen pretende eliminar todo rastro do que se fixo no anterior mandato, por moi positivo que fose para os intereses xerais, comerciais e económicos de Lalín”.
Fronte a este modelo, e máis alá do Cocido, dende o goberno de Crespo apostouse por outras fórmulas “moito máis endogámicas, sen apenas relevancia e con moi escaso alcance”. A maiores, sinala que "nestes anos marxináronse aos mercados de proximidade, que foron enviados para a “praza das Pipas” e que, deste xeito, viron reducida a participación de produtores. Nós volveremos a trasladalos ás rúas do centro para darlle a relevancia que merecen no tecido comercial de Lalín”, di Cuiña
Ademais, coa recuperación desta marca de calidade, Cuiña pretende promocionar o produto e aos produtores locais nas principais feiras do sector, empezando por FITUR, a máis importante de España.
Vías de colaboración con outros municipios
En paralelo, anuncia que tamén se traballará en establecer vías de colaboración con outros municipios con intereses semellantes, como poden ser os do Grove ou O Carballiño. Trátase de buscar puntos en común, como é a gastronomía, para desestacionalizar o turismo e sumar sinerxias que propicien a apertura de mercados conxuntos e a chegada de máis visitantes durante todo o ano
Coa marca de calidade Se é de Lalín, é bo celebráronse con moito éxito e gran satisfacción dos seus participantes varias feiras de produtos locais e de proximidade no anterior mandato. Baixo o seu paraugas, tamén se lle empezou a dar un importante pulo ao pan de Lalín, para o que se rexistrou unha marca específica como punto de partida para intentar acadar unha denominación de orixe propia para “o mellor pan de Galicia”.
Comments