top of page

Rafael Cuiña pídelle a Conde que deixe "de faltarlle ao respecto aos lalinenses"

"Que a próxima vez veña a desculparse polos empregos que se están perdendo dende hai 12 anos pola falta de chan industrial", sinala o candidato de Compromiso por Lalín


Ecos da Comarca/Lalín

O candidato de Compromiso, Rafael Cuiña, critica que o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Industria so veña a Lalín a facer de “figurante do aparato de propaganda do Partido Popular para intentar venderlle á xente xestións absolutamente menores”, como o número de axudas autonómicas para a compra de electrodomésticos.

Cuiña tacha de “indignante e intolerable que Francisco Conde, en vez de dar explicacións pola falta de avances na ampliación do polígono, se dedique a falar de frigoríficos, placas de indución e lavadoras”. “Sería todo moi normal se fose o comercial dunha empresa”, ironiza o candidato de CxL, “pero resulta que estamos falando do máximo responsable da política industrial de Galicia e do maior incumprimento económico e empresarial do Partido Popular co noso municipio e a nosa comarca”.

Cuiña engade que “a Conde só lle faltou dicir: non tedes traballo porque en Lalín non poden asentarse novas empresas, pero aquí tedes 100 euros para comprar un conxelador”. Sinala que este tipo de visitas en pre-campaña -e máis nas vésperas do 1 de maio, Día dos Traballadores- lle parecen “unha falta de respecto e un intento de tomar por parva á veciñanza”.


“Probablemente”, advirte Cuiña, “moitos dos nosos veciños e veciñas non terían necesidade de recorrer a esas subvencións se o PP deixase de bloquear dende hai anos a creación de novo chan industrial”. Insiste en que a ampliación do polígono “tería sido sen lugar a dúbidas un excelente acicate para propiciar a creación de emprego e riqueza en Lalín”, lembra Cuiña.


“Como di o proverbio, non se trata de regalar peixe un día, senón de ensinar a pescar, é dicir, de poñer as bases para un benestar duradeiro da sociedade: ese benestar sostense fundamentalmente sobre a creación de emprego digno, e a creación de emprego sostense sobre a posta en marcha de proxectos empresariais”, resume Cuiña. “Aquí, por culpa do PP, non se dan as condicións axeitadas”, afirma.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

Por iso, o candidato de Compromiso reclámalle a Conde que “a próxima vez que veña a Lalín a sorrir e facerse un selfie cos seus, sexa para dar explicacións polos postos de traballo que se perderon nos últimos anos por mor da intolerable parálise á que o PP leva sometendo dende hai máis dunha década á ampliación do polígono Lalín 2000”.

“Estou seguro de que antes das próximas eleccións Francisco Conde volverá a Lalín para anunciar que a Xunta moveu un papel ou fixo un trámite, pero o que lle pido é que ao mesmo tempo que fai un anuncio baleiro de contido tamén pida desculpas e dea explicacións por castigar a Lalín sen novo chan industrial dende hai máis de 12 anos”, conclúe.



Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page