Rafael Cuiña márcase como "prioridade absoluta" o impulso do comercio de Lalín
- ecosdacomarca

- 18 may 2023
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Lalín
O candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, anuncia que o apoio decidido para o impulso da actividade do comercio local será unha “prioridade absoluta” no seu programa para o vindeiro mandato.
“Non so temos que dar resposta aos novos desafíos aos que se enfronta este sector, senón que debemos incrementar o investimento e as accións públicas para compensar a ausencia de medidas que nos deixan estes catro anos nos que o PP non foi capaz de adoptar medidas eficaces para evitar o seu esmorecemento”, sinala.

Así, neste eixo programático, Cuiña explica que se activarán actuacións contundentes para reforzar o carácter estratéxico deste sector. Entre elas, Compromiso vai destinar 100.000 euros anuais á posta en marcha de bonos para promover as compras nos establecementos locais. “É unha medida que levamos reclamando durante todo o mandato e que o PP se negou a aplicar”, lamenta.
Lembra que este tipo de bonos acadaron unha enorme aceptación en outras vilas e cidades e tamén a nivel autonómico. De feito a Xunta vén de sacar unha nova convocatoria en plena campaña electoral das municipais, "o que contrasta coas reiteradas negativas do PP de Lalín a asumir este modelo".
A maiores, de cara á promoción do comercio e hostalería, Compromiso recuperará a marca Se é de Lalín é bo. Baixo este paraugas común, "Cuiña ten previsto levar o noso produto e aos nosos produtores locais ás máis importantes feiras sectoriais de España, empezando por FITUR no ano 2024".
De maneira complementaria, tamén se retomará a iniciativa para potenciar a marca “Pan de Lalín”, que foi rexistrada durante o anterior mandato para poñer en valor con carácter oficial e en colaboración co sector un dos nosos máis recoñecidos produtos.
Esta iniciativa constitúe o primeiro paso no traballo que ten previsto levar a cabo Compromiso dende a Alcaldía de Lalín para intentar acadar a Denominación de Orixe. “Todas e todos sabemos”, di, “que o noso pan non ten nada que envexarlle ao doutros puntos de Galicia que xa contan con esta modalidade de protección que garante a súa calidade e as súas características propias”.

Por outra banda, Cuiña explica que Compromiso por Lalín tamén vai organizar meses temáticos, dedicados de maneira concreta a diferentes sectores para potenciar a súa actividade. Así organizaranse meses dedicados aos oficios, ás flores, ao motor, ao libro e á cultura ou á horta, entre outros, para impulsar a actividade de comercios e establecementos dedicados a cada un dos temas establecidos. Tamén se contribuirá de maneira específica á organización e a fomentar a participación dun potente concurso de escaparates para premiar á súa creatividade.
A maiores, tamén se activarán plans de formación continua e de adaptación á dixitalización e modernización tecnolóxica para comerciantes e hostaleiros. Co obxectivo de favorecer o asentamento de novos negocios en Lalín, Compromiso compromiso tamén establecerá una liña de subvencións que permita contribuír ao alugueiro de locais baleiros.
Cuiña lembra que estas medidas específicas conxúganse con outras de carácter xeral sobre o modelo de vila que defende Compromiso e que tamén propiciarán o impulso á actividade comercial e hostaleira. Menciona, por exemplo, a humanización de rúas como a dos Viños, parte da Luís González Taboada, a rúa B ou a Antonia Ferrín Moreiras.
MITINS DE CXL PARA HOXE, XOVES
LALÍN DE ARRIBA-LOCAL SOCIAL-17:00 HORAS
CASTRO DE CABRAS-LOCAL SOCIAL-18:30 HORAS
ALEMPARTE-LOCAL SOCIAL-19:15 HORAS
ALBARELLOS- TABERNA DE TAIS-20:00 HORAS
MACEIRA-LOCAL SOCIAL-21:00 HORAS








Comentarios