Esíxelle ao goberno galego que acelere a construción dun CIS que segue acumulando
“retrasos inasumibles”
Ecos da Comarca/Lalín
O candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, lamentou este martes que a Xunta de Galicia siga a dilatar as necesidades sanitarias das veciñas e veciños de Lalín. Fíxoo ao fío do anuncio de que a dotación dun novo profesional de pediatría para Lalín non se realizará, cando menos, ata despois do verán, tal e como admite o propio goberno galego.
“Non se pode tolerar que, ás portas dunhas eleccións municipais, se nos queira vender como un avance a cobertura dunha nova praza que se leva reclamando dende hai anos”, afirmou o candidato de CxL, quen ademais expresou o seu convencemento de que este anuncio “caerá no esquecemento” unha vez pasen os comicios “vendo os antecedentes cos prazos do CIS”.
Lembra os problemas que dende hai tempo está a ocasionar para nais e pais a falta dunha quenda de tarde e que se puxeron de manifesto cun brote de escarlatina feito público o mes pasado pola Asociación de Pacientes do CHUS ou cunha recollida de sinaturas en change.org, impulsada pola asociación Teta e Coliño.
“A Xunta de Galicia está adiando as necesidades sanitarias de Lalín, o cal é completamente vergoñento, sobre todo porque se fai por interese electoral”, sentencia. Nesta liña, subliña que esta actitude ten o seu máximo expoñente nos retrasos que acumulan as obras de construción do CIS. Lembra que foi a finais de 2018 cando “eu -acompañado polo daquela concelleiro de Sanidade, Nicolás González Casares- e en nome do goberno local, asinei o convenio para a posta en marcha desta nova infraestrutura”. Máis de catro anos despois, o CIS segue sen estar rematado, os prazos seguen dilatándose e anúnciase o remate das obras para despois do verán.
Por iso, Cuiña esixe que se aceleren as actuacións para poñer o CIS inmediatamente a disposición da sanidade pública dos e das lalinenses. Esa necesidade é “absolutamente incontestable, tendo en conta que o actual Centro de Saúde está en condicións “deplorables”, tal e como demostra que a súa fachada traseira leve anos apuntada.
“Os médicos e o persoal sanitario e administrativo”, explica Cuiña, “están traballando nunhas condicións que non son de recibo no século XXI”. Para Cuiña, o máis grave é que “todo isto afecta de maneira moi seria á calidade asistencial que reciben os pacientes de Lalín, que se queixan dunhas instalacións terceiromundistas e dun CIS que xa non se vai facer nas datas nas que foi conveniado e que segue a acumular retrasos inasumibles”.
Comments